O BNG demandará o traspaso do Porto de Marín a Galiza, así como o resto dos portos de interese xeral.
No seu programa para estas eleccións xerais de novembro o BNG demanda o traspaso dos portos de interese xeral, hoxe dependentes do estado, a Galiza.
Entendemos que non é de recibo que as decisións sobre unhas infraestruturas que son vitais para a nosa economía se tomen a centos de quilómetros do litoral, que se tomen en Madrid ou Bruxelas. Tampouco é de sentido común a política portuaria actual de competencia entre portos. Galiza ten que ter unha política de coordinación e cooperación entre os distintos portos para racionalizar e mellorar a xestión e a nosa posición a nivel do comercio mundial.
Para o BNG deben ser os galegos e as galegas os que tomemos as decisións que nos afectan como país, porque cando outros deciden por nós, normalmente deciden en contra de nós. Como acontece con outros sectores produtivos nós xeramos uns ingresos que non xestionamos. Os portos de interese xeral como o de Marín supoñen uns ingresos anuais de aproximadamente 21 millóns de euros que van directamente para Madrid sen reverter no país.
Achegar a administración e o servizos públicos sempre é mellor para ter unha xestión máis eficiente. Necesitamos mellorar a xestión dos portos e facer que esta teña en conta os intereses das vilas e cidades onde se atopan.
En Marín temos unha autoridade portuaria que a diferencia de outras como Vigo ou Vilagarcía vive de costas ao concello. Acadar unha mínima cesión deste organismo é case imposíbel, e menos cando conta coa complicidade do goberno municipal do PP.
Un exemplo claro deste desinterese é o almacén de contedores baleiros que nos puxeron diante da Alameda de Marín, dando unha imaxe terceiromundista a todas as persoas que se achegan a visitarnos. Desde o BNG xa demandamos a súa retirada nunha moción presentada no concello.
Nestas eleccións do 10 de novembro os galegos e galegas temos que ser conscientes do que nós xogamos, e de que a presenza do BNG vai facer posíbel lograr avances no traspaso de competencias e infraestruturas como os portos de interese xeral. Así como outras que aínda dependen do estado como os aeroportos e o ferrocarril.