O BNG demanda solución aos vertedoiros incontrolados no rural.
A portavoz municipal do BNG de Marín Lucía Santos, deu traslado hai uns días nas comisións de rural e medio ambiente respectivamente, sobre a problemática do vertedoiro incontrolado de Miñán que dende que se denunciou publicamente este vertedoiro incontrolado foi retirado, dous días despois volve a aparecer escombro acumulado.
Dende o BNG solicitamos ao goberno municipal para que tome medidas urxentes ante esta situación, xa que son numerosos os puntos de contedores polas parroquias do rural nos que se acumulan mobles, colchóns, restos de obras e residuos.
Nestes días a propia veciñanza concienciada co medio ambiente, trasladounos unha serie de lugares nos que se acumula o lixo dende hai semanas: Fixón, Santomé, Pardavila, Rúa Nova, Moreira, Vista Alegre, A Roza ou A Porteliña. Sendo este último o mais rechamante, xa que se trata duns contedores que están situados ao carón da sinalización do Castro de A Subidá. Si a situación de por sí xa non nos parece a idónea a imaxe é aínda peor ao estar a zona rodeada de lixo.
Este listado de contedores incontrolados foi trasladado hai unha semana a comisión informativa de medio ambiente pero volvemos a trasladar a pleno municipal na urxencia de retirar e limpar estas zonas, xa que unha semana despois séguese acumulando o lixo nestes puntos que aparte do “feísmo” que provoca ter vertedoiros a pé de rúa, están os malos cheiros e a proliferación de insectos e animais insalubres.
Dada a situación de insalubridade que se está repetindo en diferentes puntos do rural, insistimos na necesidade que dende o goberno municipal tomen medidas urxentes ao respecto, xa que esta situación é inaceptábel polo que solicitamos ao Concello os seguintes puntos para que se leven a cabo:
Que se busque unha nova localización para os contedores de lixo que están situados en zonas sensíbeis como marquesiñas ou sinais informativas.
Que se realice por parte da empresa, unha limpeza mais a miúdos das zonas de contedores.
Que se coloquen en puntos problemáticos carteis informativos de “prohibido botar lixo” e colocar o teléfono para a recollida de aparellos.
Realizar unha campaña a pé de rúa para a concienciación cidadá sobre o tratamento de lixo.
Marín, 17 de agosto de 2020.