GRAZAS AOS 2187 VECIÑOS E VECIÑAS QUE CONFIARON EN NÓS.
Valoración do resultado electoral en Marín
O BNG agradece o apoio recibido dos 2187 veciños e veciñas de Marín nas pasadas eleccións galegas
Este luns reuníronse o Consello Local e a Asemblea Local do BNG en Marín para analizar os resultados das pasadas eleccións celebradas o 12 de xullo.
As bases valoraron positivamente os resultados, pese a non cumprir o obxectivo de sacar ao PP da Xunta. Recoñécese que existe un sabor agridoce dado que están en xogo o futuro dos nosos servizos públicos, a existencia dun tecido produtivo forte en Galiza ou a desprotección do noso patrimonio cultural e ambiental entre outras moitas cousas.
O BNG non só acadou un bo resultado na Galiza senón que foi a segunda forza política tamén en Marín, cousa que non acontecía desde había máis de vinte anos, subindo 1.203 votos en relación ás pasadas eleccións autonómicas celebradas no ano 2016.
Os factores que fixeron ter este bo resultado son varios, desde a fortaleza interna do BNG pasando pola coherencia ideolóxica e rematando por ter unha candidata, Ana Pontón, que soubo transmitir pedagoxicamente a mensaxe dun proxecto sólido e serio. Todo isto apoiada por un traballo parlamentar consolidado e comprometido coa veciñanza.
Ademais disto, a organización conta cunha grande fortaleza interna. Militantes e simpatizantes altamente comprometidos co proxecto nacionalista e a quen lle debemos o resultado acadado. Polo que queremos aproveitar para agradecer o traballo realizado a todas as persoas que colaboraron nesta campaña electoral ilusionante, optimista e que nos serve para coller impulso e seguir traballando a reo e con humildade por un cambio real para Galiza dentro de catro anos.
Sendo moi conscientes da volatilidade da voto e que cada elección hai factores diferentes, os 2187 votos (20,08%) acadados en Marín dannos confianza para ir cambiando a situación na nosa localidade e medrar o apoio nos vindeiros anos. O aumento de afiliación e o achegamento a nosa organización de máis veciños e veciñas, que se van sumando ao noso proxecto político, son testemuñas deste camiño en Marín. Por esta razón queremos agradecer o voto da veciñanza, agardando que o noso traballo na localidade sexa quen de conseguir a confianza para mellorar os nosos resultados electorais no futuro e poder provocar con isto un punto de inflexión perante a perda abafante de poboación e dun goberno municipal sen rumbo e sen proxecto político serio.
En Marín, a 22 de xullo do 2020