Intervención dalle a razón ao BNG e afirma que convenio da auga debe ser aprobado Pleno
O BNG insiste en darlle transparencia a un asunto que conta con todos os informes desfavorables
O goberno local do PP négase en rotundo a levar a pleno a moción do BNG na que se insta a someter a acordo do Pleno da Corporación Municipal do chamado Acordo regulador entre o Concello de Pontevedra e o Concello de Marín relativo ao subministro de auga, asinado en solitario pola alcaldesa.
Os nacionalistas saen ao paso das declaracións do edil de Facenda, Santos Costas, e aconséllalle ao portavoz do PP, que practique a transparencia e someta o convenio ao órgano competente tal e como fixo o Concello de Pontevedra: Pontevedra someteu o convenio a acordo da Xunta de Goberno Local o día 27 de novembro de 2013, xusto antes da sinatura entre as dúas entidades locais, e tal e como establece a lei das grandes cidades. Dende esa data o acordo fíxose público a traves da web oficial e calquera persoa interesada pode consultalo. Todo o contrario do que practica o PP no noso concello, afirma o concelleiro do BNG, Xosé María Vilaboa.
En Marín non tivemos coñecemento do convenio até que os feitos xa estaban consumados, a Xunta de Goberno nunca aprobou o convenio e agora o PP négase a que sexa tratado polo Pleno, cando o Servizo de Intervención declara nulo de pleno dereito o texto e afirma que, en todo caso, o órgano competente para a súa aprobación debe ser o Pleno, lembra o edil nacionalista.
O BNG non tomou parte de ningún acordo, nin deste nin do anterior, o único que pedimos é transparencia nun asunto que supón un desembolso de 800.000 para o concello de Marín e que conta con reparo de legalidade suspensivo da tramitación do expediente por omisión dos requisitos esenciais tal e como recolle o informe de Intervención.
A cidananía ten dereito a que un tema de tal calado se debata publicamente, se dean todos os datos, se fagan públicos todos os informes e se a que de lle informe claramente da transcendencia do convenio. Polo momento xa estamos pagando a auga máis cara a Pontevedra dende xaneiro deste ano, e a propia a alcaldesa ven de afirmar que a intención do PP é a de privatizar un servizo municipal sen explicar as consecuencias para todos os marinenses, que sen lugar a dúbidas, se traducirían nunha subida mais do recibo, afirma Vilaboa Ramos.
A negativa do PP a darlle transparencia a este tema só evidencia unha forma de gobernar baseada no escurantismo, no desprezo á cidadanía e aos demais grupos políticos e o único que queda claro de todo este asunto é que o PP oculta as súas auténticas intencións, finaliza Vilaboa Ramos.
Marín, 9 de outubro de 2014