Solo en castellano
O goberno local do PP en Marín négase a editar a información turística en galego
Imposible atopar información turística sobre o Concello de Marín noutro idioma que non sexa en castelán.
A Concellaría de Turismo, dirixida por a concelleira do PP, Cristina Acuña, decidiu editar toda a información turística sobre Marín nun só idioma, o castelán, negando así os dereitos lingüísticos aos galegos e galegas que se poidan dirixir á única oficina de Información Turística instalada na Praza de España, e marxinando a lingua propia de Galicia.
Calquera persoa que reclame, no seu máis lexítimo dereito, o folleto turístico editado polo Concello de Marín, atopárase con que este só existe en castelán, é dicir, nin reclamando expresamente a información en galego é posible obtela, afirma a portavoz do BNG, Pilar Blanco
Trátase dunha decisión tomada a conciencia e expresamente polo goberno local, a través da súa concelleira delegada de Turismo, Cristina Acuña, a cal a unha pregunta do BNG no pasado pleno ordinario do mes de xullo, sobre en cantos idiomas estaba editado o folleto informativo do municipio de Marín, contestou que decidirá editalo solo en castellano, informa a concelleira nacionalista.
En ningún momento explicou a delegada o porqué desta decisión. A nosa opinión é que nin por a cabeza se lles pasa editar a información en pé de igualdade entre o galego e o castelán, pero o mínimo esixible é que haxa información dispoñible na nosa lingua, engade.
Cada vez de xeito mais ostentoso o goberno local do PP está a vulnerar a lexislación que protexe os nosos dereitos lingüísticos, ben directamente, como neste caso ou permitindo que carteleria ou outro tipo de edicións subvencionadas con cartos públicos non respecten o galego tal e como estable tamén a Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística do noso concello.
Carencias rechamantes
Ademais de non respectar os dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes, o folleto editado coa subvención do Padroado Rías Baixas dependente da Deputación, contén numerosa información errónea e carencias rechamantes.
A portavoz do BNG indica que :O folleto remite ao visitante a un número de teléfono móbil que supostamente pertence á oficina de Turismo, mais se un marca o citado número ninguén responde, sexa a hora que sexa. Igual de inútil é intentalo no número fixo que remite ao Concello si se chama pola tarde ou en fin de semana, xusto cando en principio hai máis visitantes.
A Aula de Música segue situada no Cantodarea en lugar de na Finca de Briz, e as paradas de Taxi tampouco se recollen na súa totalidade por non falar de nomes de rúas que xa non existen , engade.
O folleto tampouco recolle ningún tipo de información sobre os restaurantes, taperías ou aloxamentos do municipio, negando así unha información básica ao visitante e promoción dos nosos recursos, afirma Pilar Blanco.
Marín, 19 de xullo de 2014