O PP inviabiliza o Plan de Emprego Municipal aprobado polo Pleno da Corporación
O PP non creou nin unha soa praza de emprego en Marín a pesar de todas as propostas que lle puxemos enriba da mesa, afirma Xosé María Vilaboa
O Bloque Nacionalista Galego de Marín denuncia o incumprimento, por parte do goberno local do PP, do Plan de Emprego Municipal aprobado, hai agora un ano, polo Pleno da Corporación Municipal a proposta dunha moción do BNG.
O PP inviabilizou o Plan de Emprego até o punto de que dos 120.000 que finalmente admitiu reservar no orzamento municipal do ano 2014 para contratación de persoal, non se gastou nin un euro. O PP foi incapaz de xerar unha soa praza de emprego público, afirma o concelleiro do BNG, Xosé María Vilaboa.
A limpeza de praias, de camiños, e até a poda de árbores realizouse a base de contratación privada a empresas de fóra de Marín, incumprindo o acordado: o concello contrataría directamente a persoas desempregadas para facer eses tipo de traballos, lembra o edil do BNG.
Outro tanto sucede co viveiro de empresas aprobado na moción. O PP de xeito unilateral cedeu o local municipal do Parque Azul do Cantodarea á Autoridade Porturaria para abrir un viveiro de empresas ligado ao Porto en contra do aprobado: un viveiro de empresas municipal. Mais aínda así, a día de hoxe non hai nada de nada a pesar de que o convenio foi asinado en maio do ano pasado, afirma.
A desidia é tal que o edil de Facenda, Santos Costas, que preside a mesa de traballo creada para impulsar o plan, non se reune dende hai meses a pesar das reiteradas solicitudes de convocatoria por parte do BNG e demais grupos da oposición: Nos últimos plenos e comisións informativas solicitamos a convocatoria urxente dunha reunión para avaliar o grado de cumprimento do plan de emprego e os posibles resultados, mais o señor Santos Costas fai oidos sordos sen dúbida a causa de que non ten nada que avaliar porque o plan está sen cumprir e non lle interesa render contas, indica o concelleiro nacionalista.
Os últimos datos de taxa de emprego son demoledores para Marín, con máis de 3.000 persoas desempregadas e en ascenso segundo os últimos datos do INEM, o comercio local está nunha situación extrema e non hai mais que dar unha volta polas rúas máis céntricas da nosa cidade para decatarse do que cada vez están mais desoladas a causa da falta de actividade comercial. Esta situación agrávase na zona antiga, onde a despoboación é continúa e o deterioro das vivendas en consecuencia, tamén.
Estamos ante un goberno inútil para Marín, sen ideas e sen iniciativa, que pensa que cambiar catro baldosas nas mesmas rúas de sempre vai solucionar o problema mais acuciante da nosa vila: a perda continúa de actividade e de postos de traballo. Un goberno incapaz incluso de levar á práctica as ideas, aínda cando outros llas poñemos en bandexa enriba da mesa, finaliza Vilaboa Ramos.
Marín, 19 de xaneiro de 2015