O BNG demanda un mellor servizo de Taxi e esixe o cumprimento da normativa
Entendemos que o establecemento do servizo de Taxi en Seixo e en puntos estratéxicos da nosa cidade, mellorarían a súa eficiencia e suporían unha aposta polo comercio local e polos servizos de proximidade do noso municipio
O BNG ven de presentar unha moción na que se insta ao goberno local do PP a cumprir a normativa en materia de transporte público de persoas en vehículos de turismo, servizo de Taxi no termo municipal de Marín, tal e como tamén lle ven demandando a Asociación de Atopatronos do Taxi Rías Baixas.
Aumento da cobertura do Servizo de Taxi e comercio de proximidade
En abril de 2014, o Grupo Municipal do BNG presentaba unha moción na que propoñíamos á aprobación dun novo regulamento de transporte público por medio de taxi e a adopción de medidas correctoras para solucionar os problemas denunciados pola agrupación de taxistas de Marín. O borrador do regulamento proposto, xa recollía o establecemento dunha parada na rúa Exército e Mariña con capacidade para dous vehículos, e doutra en Seixo, con capacidade para outros dous, sempre en base ao establecido na lei autonómica a cal tamén recolle que os puntos de parada non terán carácter definitivo e o Concello poderá, polo tanto, aumentalos, trasladalos, suprimilos ou diminuílos.
Desde o BNG, entendemos que o establecemento do servizo de Taxi en Seixo e en puntos estratéxicos da nosa cidade, mellorarían a súa eficiencia e suporían unha aposta polo comercio local e polos servizos de proximidade do noso municipio (centros de saúde de Marín e Seixo, bibliotecas, mercados, oficinas bancarias, establecementos de ocio e restauración ). Así llo fixemos chegar ao concelleiro delegado de Tráfico en múltiples ocasións, mais a pesar das boas palabras, todo sigue igual, afirma a portavoz do BNG, Pilar Blanco.
Servizo de Taxi adaptado
Outro aspecto que nos preocupa é a falta do servizo de taxi adaptado no noso termo municipal. Debemos ter en conta que na sociedade actual un 10 % da poboación ten algunha dicapacidade, unha de cada 3 familias contan cunha minusvalidez no seu seo, e o colectivo persoas maiores é crecente, espacialmente en Galicia, indica a edil nacionalista.
A lei tamén sinala que a administración debe promover sistemas que faciliten o uso do Taxi por parte de persoas con discapacidade ou limitacións sensoriais, por iso tamén solicitamos que se estableza un sistema que facilite a solicitude do servizo de Taxi por parte de persoas sordas, de xeito que estes usuarios o poidan demandar de forma autónoma a través de medios de comunicación accesibles como unha páxina de Internet, utilizando un servizo de intermediación telefónica, ou mensaxes de texto, engade.
Gardas nocturnas
A falta de servizo de gardas nocturnas é outro aspecto tamén reiteradamente denunciado pola asociación de taxistas: O feito de que Marín deixara de contar con servizo de ambulancia asistencial durante 24 horas, en setembro de 201, por decisión da Consellería de Sanidade da Xunta de Galiza, converte ao servizo de taxi do concello na única alternativa de traslado de noite a un centro hospitalario por medio de transporte público. Por iso nos parece imprescíndible que o Concello inste, tal e como esixe a lei, a que se estableza de xeito inmediato un sistema de gardas que atenda á poboación do noso concello, indica Pilar Blanco.
Marín, 9 de febreiro de 2013