O goberno local rexeita as alegacións do BNG para mellorar o proxecto do novo colector
Denunciaremos en Bruxelas o incumprimento en materia de vertidos, anuncia Pilar Blanco
O goberno local do PP rexeitou todas as alegacións presentadas polo Grupo Municipal do BNG para mellorar o proxecto do colector principal de Marín.
O BNG demandaba que se respecte o convenio asinado en 2010 coa Xunta de Galicia, e que se actúe sobre todo o colector xeral de Marín conseguindo así a retirada da parte do colector que discorre polo río Lameira e o fin dos desbordes á altura do parque infantil e a gasolineira.
Reclamábamos que se replantee o proxecto e que se busque unha solución eficaz que asegure a depuración de todas as augas que circulan polo colector, evitando así os alivios ao mar dende o tanque de tormenta que se vai instalar no paseo da Avenida de Ourense, sinalou a portavoz do BNG, Pilar Blanco durante o debate plenario.
O propio informe en base ao cal se rexeitan as nosas alegacións recoñece que o novo colector non dá solución aos vertidos senón que, en lugar de producirse á altura da EDAR de Práceres, produciranse no termo municipal de Marín, unha vez que reborden no depósito a instalar en pleno paseo.
Os propios informes de Augas de Galicia recoñecen que este proxecto non dá solución aos alivios ao mar
O BNG demandaba tamén que o depósito de retención e o propio colector se sitúen dentro do recinto portuario, mantendo o trazado actual e evitando a afección ao paseo ou que discorrese pola estrada titularidade do Ministerio de Fomento: Esa sempre foi a idea pero o PP, contra toda lóxica e demostrando unha total submisión ao Porto e a Madrid, opta pola opción máis perxudicial para os marinenses: afectar todo o paseo da Avenida de Ourense e instalar un caseto de máis de 3 metros de altura para reter augas fecais, sinala a edil nacionalista.
Denunciaremos en Bruxelas o incumprimento da directiva sobre vertidos, porque as grandes cidades están obrigadas a recoller e tratar as súas augas residuais urbanas para evitar a contaminación e o que está a pasar co banco marisqueiro de Lourizán. Precisamente proxectos como este deben estar enfocados a evitar a contaminación e os alivios ao mar, en lugar diso o que aproba o PP é precisamente o contrario, anunciou a portavoz do BNG.
Marín, 15 de febreiro de 2015