O BNG demanda que o convenio da auga con Pontevedra sexa tratado no Pleno e o PP négase
@s nacionalistas esixen transparencia nun asunto que lle costará 800.000 ao Concello e que ten todos os informes desfavorables
O grupo municipal do BNG ven de presentar unha moción na que socilita que a Alcaldía someta, a acordo do Pleno da Corporación Municipal o Convenio entre o Concello de Pontevedra e o Concello de Marín relativo ao subministro de auga, asinado pola alcaldesa:
En novembro de 2013, coñecíamos a través dos medios de comunicación, a sinatura dun convenio entre o Concello de Marín e o de Pontevedra, en virtude do cal, Marín pagaría 800.000 en concepto de auga subministrada ao Porto de Marín. A pesar de que o acordo foi rexistrado no Concello de Marín o día 29 de novembro de 2013, este non foi aprobado por órgano competente, nin foi tratado na comisión informativa correspondente. En consecuencia o convenio asinado pola alcaldesa non foi informado por departamento técnico algún do Concello, a saber, Secretaría Xeral ou Intervención, afirma o concelleiro do BNG, Xosé María Vilaboa.
O BNG rexistrou a moción o día 25 de setembro, mais sorprendentemente, o PP négase a someter a acordo plenario un convenio asinado pola alcaldesa, e a dar explicacións públicas a toda a cidadanía, sobre todo cando o Servizo de Intervención declara nulo de pleno dereito o texto do convenio e que, en todo caso, o órgano competente para a súa aprobación debe ser o Pleno, engade o edil nacionalista.
Total escurantismo
Hoxe mesmo fomos convocados polo señor Santos Costas, a unha comisión extraordinaria de Facenda para o xoves a última hora da mañá, coa inteción clara de levar a pleno un recoñecemento de crédito que suporá un ingreso para o concello de Pontevedra de 800.000, en base a un convenio que nunca foi tratado polo pleno e do tivemos coñecemento a través dos medios de comunicación, afirma.
Todo indica que os informes son de reparo suspensivo de ilegalidade debido a que o convenio en base ao cal se pretende ingresar esa cantidade ao concello de Pontevedra non foi aprobado polo Pleno e polo tanto pesa sobre el un total escurantismo, engade.
Esiximos transparencia neste asunto porque a cidadanía ten dereito a saber en base a que se gastan os cartos públicos, se a operación é legal e que consecuencias terá para o futuro. De feito dende xaneiro deste ano xa estamos pagando a auga máis cara a Pontevedra e, segundo as declaracións da propia alcaldesa con moitivo do escandáloso pago de horas extraodinarias no Servizo de Augas, todo indica que o PP ten pensado privatizar un servizo até o momento municipal e polo tanto subir o recibo da auga, xa insoportable nestes momentos, a todos os veciños e veciñas de Marín, afirma Vilaboa Ramos.
Son razóns máis que suficientes para que o convenio se someta a pleno e a alcaldesa dea todas as explicacións pertinentes., finaliza o concelleiro do BNG.
Marín, 7 de outubro de 2014