O BNG de Marín quere unha atención igualitaria entre o urbano e as parroquias e barrios

O BNG de Marín quere unha atención igualitaria entre o urbano e as parroquias e barrios

Mogor web“Temos que veolver ás políticas do anterior Goberno e desterrar as do caciquismo e a venda de favores a cambio de votos do PP”

                                

O BNG-AA marinense resaltou onte que o Concello “ten que dar a mesma atención aos veciños do casco urbano e aos das parroquias e barrios do rural”, algo que, asegura, “se facía durante o anterior mandato e que mudou cando chegou o PP para implantar a vella política do caciquismo e da venda de favores a cambio de votos”, según explicou a súa candidata, Pilar Blanco.

A nacionalista sinala que “non podemos ter en Marín cidadáns de primeira e de segunda, para o que debemos recuperar desde o primeiro día a liña de traballo do Goberno anterior no que  BNG tiña a máxima responsabilidade na área de Rural, cando se priorizaban as actuacións en función das necesidades e non do amiguismo”.

“Durante os catro anos co BNG no Goberno fomos quén de ampliar a rede de saneamento, resolver moitos dos problemas de abastecemento de auga, renovar unha gran parte do alumeado público con materias de calidade, así como recuperar o patrimonio e as comunicacións”, engadiu Blanco López.

Así mesmo, incidiu en que “a nosa prioridade desde o minuto un será recuperar este proxecto e darlle un impulso a iniciativas como levar a Escola de Música ás parroquias para que todos os nenos teñan a oportunidade de formarse nela independentemente de onde vivan; habilitar as casas da cultura, chegando a acordos coas comunidades de montes nas que non son municipais, como centros cívicos cheos de actividades culturais, e potenciar, en colaboración cos veciños, as festas parroquiais, promovendo a participación de todo tipo de grupos do municipio, xa que temos moitos e moi variados, desde a banda de música, pasando polos folclóricos ata outros de diferentes estilos”.

A candidata nacionalista sinalou que “as obras de saneamento levadas a cabo nos últimos anos forman parte dun convenio asinado polo BNG coa Xunta que o PP non foi quen de rematar en catro anos, nunha demostración máis da súa incapacidade de xestión e a súa falta de preocupación polo rural”.

“A alcaldesa só se achega aos barrios para facerse fotos, pero en canto ten que resolver os problemas dos veciños fuxe deles o chega ao punto esperpéntico de darlles un caldeiro de chapapote para que eles mesmos tapen os baches dunha estrada”, remata Blanco López.

 

Marín,  maio de 2015

O BNG de Marín quere unha atención igualitaria entre o urbano e as parroquias e barrios