O BNG de Marín porá en marcha unha plan bolsa de emprego rotatoria para os veciños(as)

O BNG de Marín porá en marcha unha plan bolsa de emprego rotatoria para os veciños(as)

Pilar BlancowebO BNG de Marín porá en marcha un plan de emprego cunha bolsa que facilite contratos temporais rotatorios para os veciños

“Temos que dar unha oportunidade a aquelas familias que como consecuencia das políticas antisociais do PP están pasando por situacións moi difíciles”, asegura Pilar Blanco

A nacionalista tamén compromete un viveiro de empresas público

 

O BNG-AA marinense resaltou onte como unha das súas grandes prioridades para o inicio do vindeiro mandato a posta en marcha un plan de emprego para dar “unha oportunidade a aquelas familias que como consecuencia das políticas antisocias do PP a todos os niveis están pasando por situacións moi difíciles”, tal como sinalou a candidata a Alcaldía, Pilar Blanco.

Para a nacionalista, o Concello debe xogar “un papel activo” na procura de novas alternativas de emprego para os seus veciños. Así, destacou que Marín ten case 3.000 parados, alcanzando una tasa entre as mulleres do 53 por cento, superior á media da comarca, e sendo o municipio da súa zona de influencia con máis mozos sen traballo.

“É certo que hai que priorizar os recursos, pero é inadmisible a retirada da bonificación do cinco por cento aos recibos dos tributos municipais que levou a cabo a señora Ramallo e logo alardear de superávit, xa que eses cartos proveñen dos impostos pagados, e o máis inxusto é que logo non repercuten nos veciños”, sinalou a nacionalista.

Blanco lembrou que o Tribunal de Contas do Ministerio Fiscal abriulle dilixencias xudiciais ao Concello “por ter pagado cantidades escandalosas en horas extraordinarias e productividades, ou por contratar e pagar a empresas sen a previa fiscalización”, algo que según a alcaldable do BNG non ocorriría “no caso de estar cumprindo o plan de emprego proposto polo noso grupo e aprobado por unanimidade na Corporación”.

“O PP leva gastado máis de 350.000 euros en abonar horas fóra da xornada laboral e servizos externos, o que posibilitaría a contratación de preto de 100 persoas de xeito rotatorio por períodos de tres meses para acometer pequenas obras nas rúas e barrios, limpezas, mellora de xardíns ou das praias”, engadiu nun acto celebrado onte.

A candidata nacionalista afirmou que organizará o Concello “para dar resposta ás necesidades da poboación nun momento de grave crise económica e social, creando una bolsa de emprego para facer contratos temporais rotatorios e paliar, na medida do posible, as enormes dificultades que atravesan moitas familias marinenses”.

Ademais, engadiu a súa aposta por crear un viveiro de empresas de iniciativa pública e municipal, “co obxectivo de crear novas oportunidades de emprego en Marín, para o que contaremos co tecido asociativo local ligado á actividade comercial e empresarial”.

 

Marín,  maio de 2015

 

O BNG de Marín porá en marcha unha plan bolsa de emprego rotatoria para os veciños(as)