O BNG lémbralle a Ramallo que as horas extra non poden substituír as tarefas ordinarias

O BNG lémbralle a Ramallo que as horas extra non poden substituír as tarefas ordinarias

 

O BNG demanda oferta pública de emprego municipal en Marín

Os nacionalistas instan ao PP a que cumpran o Plan de Emprego e o Estatuto dos Traballadores

O BNG insta de novo a Alcaldesa a que cumpra o Plan de Emprego Público Municipal aprobado por unanimidade e a lei en canto aos dereitos laborais dos traballadores.

“Lembrámoslle a Ramallo que as horas fóra da xornada laboral encargadas polos seus concelleiros e por ela mesma exceden até o infinito os límites que establece a lei e responden a tarefas rutineiras e repetitivas que revelan unha falta total de organización nos servizos básicos que o Concello debe dar aos veciños”, afirma o concelleiro do BNG, Xosé María Vilaboa.

“O que Ramallo cualifica de actuaciones prioritarias y urgentes correspóndense na realidade con traballos ordinarios que os seus concelleiros ordenan facer fóra da xornada habitual e que, no que vai de ano xa supoñen un gasto de 75.957,96€, o dobre do orzamentado e aprobado polo propio grupo de goberno en solitario”.

“A alcaldesa, que estando na oposición criticou as horas extra que se lle pagaron a un fontaneiro municipal por arranxar avarías, leva asinado até 36 informes desfavorables  dos servizos de Intervención e Persoal que mes tras mes lémbranlle non existe informe algún que xustifique a realización dos servizos extraordinarios presentados polos servizos de obras, augas, instalacións deportivas, policía local, secretaría e tesourería e non se acredita nin a necesidade nin a urxencia polo que non se poden cualificar como servizos extraordinarios”, sinala o concelleiro nacionalista.

A contratación de servizos privados superou os 120.000 en 2013

“Esta hemorraxia de horas e de cartos contrasta co estado de maioría dos camiños do rural (sen rozar a estas alturas do ano e en época de risco de incendios), das propias praias (aínda sen todos os servizos), dos espazos naturais ( Lago de Castiñeiras, Castro da Subidá, etc)  e do centro da cidade ao cal, os chorreos esporádicos, pagados a prezo de ouro, non dan sacudido da súa sucidade habitual”.

“O mesmo poderíamos dicir do mantemento das  instalacións deportivas: salvo algunha excepción coñecida, poderíamos cualificalo de penoso, e senón invitamos a señora Ramallo a que lle pregunte ao concelleiro de Deportes quen tivo que limpar as gradas, os baños e os vestiarios do Campo de Fútbol de San Pedro durante o último campionato celebrado en Semana Santa, por poñer só un exemplo”, afirma o concelleiro do BNG.

“A falta de atención aos veciños por parte os concelleiros e concelleiras do PP contrasta coas escusas da señora Ramallo: É inadmisible que se paguen esas cantidades en horas extra e contratos privados, que  ao mesmo tempo non se acometan os servizos máis básicos e que o PP traizoe  o Plan de Emprego aprobado polo Pleno polo simple feito de que foi unha proposta do BNG”, finaliza Xosé María Vilaboa.

 

Marín, 25 de xullo de 2014

O BNG lémbralle a Ramallo que as horas extra non poden substituír as tarefas ordinarias