Ineficacia do PP na carreira Pinga Pinga
Cando estamos a menos de 2 semanas da data na que debería celebrarse a carreira Pinga Pinga (7 de outubro), o certo é que ninguén sabe se poderá organizarse finalmente.
O BNG mantivo contactos coa organización do evento derportivo que desde hai uns anos se ven celebrando en Santomé nos que nos manifestaron a súa incomprensión pola situación.
Desde o BNG cremos que comportamentos e actitudes como as do Sr. Cidrás, que está a actuar como se fora o dono do campo, están fóra de lugar. Mais botamos en falta novamente unha actuación por parte do goberno municipal, que sentíndoo moito mais temos que dicilo, e ao igual que manifestamos ao falar do Centro de Saúde, volta mirar para outro lado.
O concelleiro de Deportes, Antonio Traba, e a Sra. Alcaldesa, María Ramallo, hai días que tiveron que ter entrado en escena para desbloquear a situación, e máxime cando o Sr. Cidrás é membro e concelleiro do seu partido. Polo visto, parece que non son quen de arranxar as cousas internamente.
O circo que se está montando ten a súa orixe na ineficacia da señora Ramallo en poñer filas no seu propio Grupo Municipal e no seu delegado de Deportes. A chantaxe do Presidente do Santomé C.F. ao evento deportivo debe de ter unha resposta contundente por parte do Goberno Municipal do Partido Popular en Marín.
Se finalmente o evento non se pode celebrar, a Sra. Alcaldesa será a responsábel política da súa suspensión.
O BNG amosa o seu apoio aos organizadores da carreira, Club Deportivo Pinarium, e o empeño que realizan para celebrar este acto deportivo de gran transcendencia no mundo do deporte. Sen lugar a dúbidas, o concelleiro do PP e Presidente do Santomé C.F. exerce de maneira caciquil o uso dun campo que non lle faculta polo convenio asinado entre as partes: CCMM, Concello, Deputación e Equipa de Fútbol. Nin os terreos do campo son da Equipa de Fútbol nin o campo foi reformado pola mesma equipa.
Desde o BNG de Marín pedimos a dimisión como concelleiro de José Cidrás Rosales polos seus modos de actuar e a destitución de Antonio Traba como Concelleiro Delegado de Deportes pola súa incompetencia na actuación neste asunto.