Centro de Saúde: Feijóo recorta e Ramallo mira para outro lado

21942103_1219806128164953_1130384283_n
Rolda de Prensa Centro de Saúde de Marín

A deputada do BNG no Parlamento Galego Montse Prado estivo hoxe en Marín nunha rolda de prensa na que denunciamos a negativa xestión da sanidade pública en Marín e os incumprimentos por parte da Xunta.

Centro de Saúde: Feijóo recorta e Ramallo mira para outro lado

Desde o BNG vimos manifestando dun xeito firme e continuo o noso total rexeitamento contra os recortes nos servizos públicos que o PP ven executando nos últimos anos.

Os recortes de persoal e de medios nos hospitais e centros de saúde públicos do noso país tradúcense nun importante aumento da carga de traballo nos e nas profesionais da sanidade pública e nun deterioro na calidade asistencial.

En Marín, a estes recortes temos que engadirlle o recorte de servizos. Dabondo coñecida é a supresión do servizo da ambulancia 24 horas, carecendo Marín, un concello de 25.000 habitantes, de ambulancia pola noite.

Agora a Xunta anuncia que decide prescindir do prometido servizo de Radioloxía no Centro de Saúde de Marín, alegando a proximidade do Centro de Saúde Virxe Peregrina de Pontevedra, pois consideran que os e as marinenses podemos achegarnos até alí sen maior problema.

Mais cando a Xunta prometeu dotar ao novo Centro de Saúde de Marín co servizo de Radioloxía o Virxe Peregrina xa estaba alí, polo que non hai motivos novos que xustifiquen o cambio de postura. O servizo de Radioloxía foi unha promesa ao pobo de Marín, polo que desde o BNG consideramos irrenunciábel a súa dotación, e levamos inmediatamente o tema ao Pleno do Concello.

A Alcaldesa María Ramallo, ao contrario do que afirman desde a Xunta, prométenos que teremos "Radioloxía nun curto espazo de tempo", aínda que non sabe cando. O problema é que non nos podemos fiar da súa palabra á vista do éxito acadado na xestión da ambulancia 24 horas, onde tamén nos prometeu que contariamos con ela nun curto espazo de tempo e 6 anos despois seguimos sen ela pola noite.

A isto hai que engadir as numerosas deficiencias e carencias que presenta o Centro de Saúde de Marín, que xa leva un ano en funcionamento:

- Carencia de servizo de Farmacia.

- Falta de cobertura nas baixas de longa duración do persoal.

- Non hai servizo de 24 horas de ambulancia.

- Non existe monitor de desfibrilador no Centro de Saúde (si no PAC).

- Non existen caixas fortes para depositar e gardar os fármacos psicotrópicos e estupefacientes.

- Deficiencia asistencial no servizo de Matronas causado pola non substitución das baixas laborais.

- Malia a existencia do servizo de Fisioterapia, non hai creada ningunha praza de fisioterapeuta, polo que os/as traballadores/as son por contratos de acúmulos de tarefas, habendo na actualidade un fisioterapeuta cando por poboación Marín debe contar con dous.

- Falta de calefacción e auga quente durante varios días ao mes provocado polo retraso na reposición de pellets.

- Inundacións nalgunhas consultas...

Desde o BNG de Marín non podemos e non imos aceptar esta negativa xestión da sanidade pública en Marín nin os incumprimentos por parte da Xunta e non deixaremos de reclamar e loitar por unha Sanidade Pública de Calidade para os e as marinenses.

Con independencia doutras accións que poidamos levar a cabo nas vindeiras semanas, en función da evolución dos acontecementos, o BNG levará todas estas cuestións ao Parlamento Galego. A deputada do BNG Montse Prado xa rexistrou esta mesma semana un escrito que será tratado nos vindeiros días na Cámara galega.

Centro de Saúde: Feijóo recorta e Ramallo mira para outro lado