17 de agosto: Día da Galiza Mártir

Día da Galiza Mártir Foto
Día da Galiza Mártir Foto

O 17 de agosto de 1936 Alexandre Bóveda era asasinado na Caeira (Poio), sendo un de tantos/as asasinados/as, torturados/as e represaliados/as naqueles duros anos tras o levantamento fascista de xullo do mesmo ano.

17 de agosto: Día da Galiza Mártir

Desde hai xa moito tempo o BNG ven conmemorando cada 17 de agosto o Día da Galiza Mártir en homenaxe a todas aquelas persoas que morreron asasinadas no noso País por defenderen as súas ideas.

É unha obriga para calquera pobo honrar a memoria daqueles/as que sufriron e até deron a súa vida por defender os seus ideais, polo que o 17 de agosto é unha data importante para o pobo galego. 

A intención de asasinar a Alexandre Bóveda en 1936 era atentar contra a dignidade e dereitos do noso Pobo. Non esquecer a nosa historia convírtese nunha obriga para comprender mellor o presente e poder afrontar o futuro co horizonte posto na construción dunha sociedade baseada na xustiza social, na igualdade e na liberdade dos pobos.

Cómpre salientar que Galiza precisa unha Lei Galega de Memoria Histórica, cuestión que nestes momentos está preparando o Grupo Parlamentar do BNG coa axuda dos maiores expertos sobre a represión. Con esta Lei poderemos por fin reparar ás vítimas que como Bóveda traballaron no seu tempo por unha Galiza mellor.

E xa por último, queremos lembrar moi brevemente a importante presenza de Alexandre Bóveda con Marín, cun marcado traballo político. Os seus mitins no Salón Quiroga en xuño de 1931 e febreiro de 1933 significaron unha defensa sobre os reparos económicos e fiscais na defensa dun estatuto para Galiza, seguido con moito interese polos veciños/as do noso concello.

Desde o BNG facemos un chamamento á veciñanza de Marín para asistir aos diferentes actos que terán lugar ese día:

ACTO DO CONCELLO DE POIO:

13:00h. A Caeira, coa participación de Lidia Salgueiro, Uxío Breogán Diéguez, Amalia Bóveda e Luciano Sobral.

ACTO POLÍTICO EN PONTEVEDRA:

20:30h. Praza de Curros Enríquez, coa participación de Demetrio Gómez (Responsábel Comarcal do BNG) e Ana Pontón (Portavoz Nacional do BNG).

17 de agosto: Día da Galiza Mártir