O BNG aposta por unha Sanidade Pública de calidade. Resposta a María Ramallo

21942103_1219806128164953_1130384283_n
O BNG aposta por unha Sanidade Pública de calidade

Desde o BNG de Marín queremos sair ao paso das declaracións deste domingo nun xornal da Alcaldesa de Marín, María Ramallo, nas que acusa a nosa organización de “miopes”.

O BNG aposta por unha Sanidade Pública de calidade. Resposta a María Ramallo

En primeiro lugar cómpre destacar que o BNG de Marín está a facer unha crítica absolutamente construtiva en relación ao Centro de Saúde. Detéctanse unha serie de carencias, deficiencias e incumprimentos por parte da Xunta e iniciamos accións para poder corrixir a situación.

Entendemos que para a Sra. Alcaldesa é moito mellor que non fagamos nada, mais moitos e moitas doentes e profesionais que desenvolven a súa actividade no Centro de Saúde esixen melloras e o cumprimento das promesas da Xunta. É a nosa responsabilidade tratar de mellorar a calidade asistencial que reciben os e as marinenses e as condicións de traballo dos e das profesionais da sanidade.

O BNG de Marín recoñece publicamente que as instalacións sanitarias melloraron coa construción do Centro de Saúde. Tamén cómpre recoñecer que non era difícil tendo en conta as nefastas condicións anteriores, con dous centros sanitarios que presentaban importantísimos problemas.

O BNG non cuestiona esta mellora. O que o BNG de Marín denuncia son unha serie de carencias e deficiencias que presenta o novo Centro de Saúde e os incumprimentos da Xunta de Galiza, que é moi distinto.

Coas súas declaracións a Alcaldesa tenta desenfocar intencionadamente o tema para desviar a atención e tratar de ocultar a súa incapacidade para resolver os problemas de Marín, e iso que conta cun goberno da Xunta do seu mesmo partido.

Desde o BNG cremos que miope é aquela persoa que non ve, ou non quere ver, estas carencias, deficiencias e incumprimentos: o servizo de Radioloxía foi unha promesa ao pobo de Marín; desde o ano 2011 Marín está sen ambulancia 24 horas; carecemos de servizo de Farmacia; o servizo de Fisioterapia en absoluta precariedade; non se cubren as baixas de longa duración do persoal; inundacións; falta de calefacción e auga quente varios días ao mes… Se hai alguén que non ve a realidade abofé que revela unha importante miopía.

Por outra banda, nas súas declaracións tamén trata de descalificar a quen tenta mellorar a Sanidade Pública de Marín insinuando que non traballamos para ter un novo Centro de Saúde e parecendo que o PP foi o único que fixo algo ao respecto. Desde logo que ao BNG de Marín non pode dirixir tal insinuación.

O Centro de Saúde de Marín foi unha demanda veciñal capitaneada desde o primeiro momento polo BNG. A propia situación no Souto foi unha proposta nacionalista apoiada por todos os grupos municipais por aquel entón. Tívose que negociar con INVIFAS a súa transferencia pública, acadando un acordo co goberno municipal bipartito (PSOE-BNG) no 2008. Conseguida a adquisición dos terreos foi proposta á Xunta para que executase no lugar o novo Centro de Saúde.

A partir de entón a veciñanza de Marín tivo que soportar até setembro do 2016 (8 anos) un longo proceso para por en activo a infraestructura sanitaria, con continuas denuncias do BNG polo retraso das obras.

Desde o BNG pedímoslle á Sra. Alcaldesa que deixe de facer a técnica do calamar, que liberan tinta na auga para ocultarse dos seus inimigos e así poder escapar con vida, e se ocupe desta serie de problemas que presenta a Sanidade Pública de Marín tratando de solucionalos.

Pola nosa banda, rematamos insistindo no noso compromiso cunha Sanidade Pública de calidade e na defensa dos intereses dos e das marinenses.

O BNG aposta por unha Sanidade Pública de calidade. Resposta a María Ramallo