O BNG esixe responsabilidades políticas pola suspensión da carreira Pinga Pinga
Desde o BNG de Marín lamentamos profundamente a suspensión da carreira Pinga Pinga, decisión comunicada esta mesma mañá polo clube Pinarium, organizador da proba.
Se a primeira hora de hoxe erguiámonos lendo nun xornal que a carreira finalmente ía celebrarse, aínda que sen poder empregar as instalacións do campo de fútbol de Santomé, ao pouco tempo a propia entidade organizadora do evento deportivo dinos que iso non é certo e que o clube vai facer público un comunicado onde informarán da suspensión definitiva da carreira Pinga Pinga.
Hoxe é un día triste para Santomé, e por extensión para o Concello de Marín. Unha importante proba deportiva na que viñan participando durante os últimos sete anos centos e centos de persoas de todas as idades, entre as cales podemos destacar a participación de máis de 500 rapaces e rapazas, finalmente ten que suspenderse pola incapacidade do goberno municipal para xestionar unha penosa situación provocada polo capricho dunha persoa, José Cidrás, presidente da Sociedade Deportiva Santomé e concelleiro do PP.
Cómpre lembrar que o terreo do campo de fútbol é propiedade da Comunidade de Montes de Santomé, cedido á SD Santomé, e que as importantes obras de mellora realizadas no mesmo foron feitas con diñeiro público. Deste xeito, a actitude do Sr. Cidrás, comportándose como o dono e señor do campo de fútbol, resulta inadmisíbel.
Durante varias semanas víñase especulando en relación coa posíbel suspensión da carreira Pinga Pinga debido á negativa do Presidente da SD Santomé a ceder as instalacións para a mencionada carreira. E durante este tempo a incompetencia da Sra. Alcaldesa, María Ramallo, para resolver o problema foi manifesta, cunha inacción insultante agardando a que as cousas se resolveran por si soas.
A aparición onte na prensa do concelleiro de Deportes, Antonio Traba, foi consecuencia das críticas aparecidas o día anterior feitas polo BNG e por outro partido da oposición. Mais foi unha saída para tentar lavar a cara, cunhas palabras de cara a galería nas que instaba ás partes a resolver o asunto. Novamente puidemos comprobar como o Concello non ía facer nada para desbloquear a situación, tan só tentar convencer ao clube Pinarium, mediante o ofrecemento dunha serie de cousas, de que aceptaran realizar a proba fóra do campo de fútbol.
Desde o BNG insistimos na depuración de responsabilidades polo que, como fixemos público o pasado martes, esiximos a dimisión do Sr. Cidrás e do Sr. Traba, concelleiros do PP. O primeiro polo seu comportamento caprichoso, negándose a facilitar o desenvolvento da carreira, comportándose como se fora o dono do campo de fútbol. O segundo, responsábel da área de Deportes, amosou a súa incapacidade para resolver este tema que desemboucou na suspensión deste evento deportivo de gran trascendencia no mundo do deporte.
Mais a responsabilidade política última da suspensión da proba está na cúspide do goberno municipal, na Sra. Alcaldesa María Ramallo. Permaneceu durante todo este tempo refén do comportamento inxustificábel dun concelleiro do seu propio partido e amosou unha total falta de interese por resolver o tema. Quizais algo teña que ver a moi comentada ameaza que parece ser lle trasladou o Sr. Cidrás, de que se a carreira se celebraba no campo de fútbol el deixaba o grupo municipal do PP e íase ao grupo mixto.
O goberno municipal hai semanas que debera ter intervido para desbloquear a situación e garantir a celebración da carreira mais, como xa nos teñen acostumados e acostumadas, cando hai problemas miran para outro lado (ambulancia, radioloxía…).
Desde o BNG de Marín lamentamos profundamente esta noticia e manifestamos o noso total apoio ao clube Pinarium agardando que o vindeiro ano volte con máis forza se cabe a Carreira Pinga Pinga.