O BNG leva a Pleno a retirada do Anteproxecto de Lei de Portos de Galiza, que afectaría ao porto de Aguete
O BNG leva ao vindeiro Pleno unha moción na que instamos ao Pleno da Corporación Municipal a solicitar ao Goberno da Xunta de Galiza a retirada inmediata do Anteproxecto de Lei de Portos de Galiza, que en Marín afectaría ao Porto de Aguete.
Vense de iniciar a tramitación parlamentaria o anteproxecto de Lei De Portos de Galiza, contradicindo á señora Conselleira e ao presidente do Ente, que anunciaran sen reparos que ía estar en vigor a mediados de 2015 cando xa estamos rematando 2017.
Unha norma que o que pretende é impoñer, aínda máis se cabe, a filosofía do mercado na súa xestión, que amplía o período de concesión de 30 a 50 anos, que impón un modelo urbanístico amable aos concellos e que segue potenciando a náutica recreativa como atractivo turístico e elemento dinamizador da economía galega sen ter en conta o paso da crise que deixou en evidencia o actual modelo.
No Título Preliminar xa apunta a filosofía profunda do estrito cumprimento da doutrina constitucional e unicamente chega a esbozar un raquítico compromiso de elaborar unha relación de espazos pesqueiros e destinados a usos náutico deportivos que reúna as características recollidas no artigo 3.6 do Texto Refundido da Lei de Portos do Estado e da Mariña Mercante, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2011, do 5 de setembro; para promover a segregación prevista no citado artigo e nos artigos 2.1, letra e) e 3.3 desta lei. Este é todo o compromiso esgrimido polo Goberno galego ante o lexitimo dereito a solicitar a transferencia dos portos de interese nacional como xa o teñen conseguido outras nacións do Estado.
Na definición realizada no Cap II. Dos portos e instalacións portuarias de Galiza do Titulo Preliminar vemos como estende a súa definición en determinados conceptos como de porto deportivo non só ao conxunto de augas que abarca, senón tamén aos espazos terrestres contiguos a estas obras, infraestruturas e instalacións necesarias para desenvolver operacións propias da flota deportiva. Cuestións que provocan un permanente conflito cos criterios medio ambientais, pero tamén de ocupación dado que moitas veces as necesidade deportivas chocan cos intereses dos concellos de manter zonas de lecer ou incluso en moitos casos entra en contradición co uso de praia. Cando debería ser ao revés, e o interese náutico deportivo debería supeditarse a outros intereses do conxunto da colectividade como pode ser o goce de praia ou o de espazos de lecer como sendas ou paseos.
Dentro do Cap. III, debería contemplarse como principio de unidade de xestión aquela levada a cabo polos portos de interese nacional, dado que é de sentido común que haxa unha coordinación naquelas cuestións que lle afecten as actividades prioritarias dos portos galegos. Esta lei unicamente esboza retoricamente, que establecerá os instrumentos axeitados para garantir unha posición estratéxica e a cooperación e a colaboración na xestión entre os portos de competencia autonómica e os portos de interese do Estado, pero no concreto nada de nada.
O máis grave está recollido no Titulo II, relativo a planificación, ordenación, obras, medio ambiente e seguridade, que recupera a figura dos plans Directores de Infraestruturas e realiza unha análise da situación actual para a continuación definir as necesidades do porto nun horizonte mínimo de 5 anos. A pesar do seu carácter vinculante, a realidade é que se pode modificar por obras menores, por obras de recoñecida urxencia ou de excepcional interese público, debidamente apreciado polo Consello da Xunta. Tamén poderá modificar a Delimitación dos Espazos e Usos Portuarios que moitos dos portos xa teñen aprobado co cal seguirá sendo un instrumento totalmente moldeable polo presidente ou goberno de turno.
En realidade é unha blindaxe ante a revisión ou modificacións dos instrumentos de ordenación municipal xa que os mesmos non poderán incluír determinacións que supoñan unha interferencia ou perturbación das competencias de explotación portuaria e, máis aínda, dado o seu suposto carácter supramunicipal, a superficie do sistema xeral non computará aos efectos de dotacións, cesións de aproveitamentos, reservas e equipamentos. Có cal os concellos ven eliminadas as súas competencias urbanísticas para ordenar o litoral e pór un pouco de sentido común para regularizar a fachada marítima.
Con esta lei, Portos pode construír ata 12 metros de altura. E incluso vai máis lonxe ao determinar que a aprobación de plans portuarios implicará, se é o caso, a necesidade de revisión ou modificación dos instrumentos de planeamento urbanístico municipal co fin de integrar as determinación do planeamento sectorial portuario no planeamento urbanístico municipal. Co cal non só poderán levar a cabo o que consideren convinte, senón que as competencias exclusivas das corporacións locais quedan ao marxe do que estime Portos de Galiza e no caso de que planifique algo non contemplando no planeamento municipal o mesmo estará obrigado a realizar a súa adaptación.
Os concellos limitaranse a emitir informes non vinculantes. E por suposto as obras e instalacións portuarias non estarán sometidas aos actos de control preventivo municipal. Unicamente serán susceptibles de control e licencia municipal aqueles que non sexan acordes cos usos portuarios que realice a administración portuaria directamente, isto é ningún.E por supostos as obras de interese xeral portuario non poderán ser suspendidas en ningún caso pola autoridade urbanística competente.
Como boa filla dun goberno neoliberal, a lei fala continuamente de criterios de libre competencia, de recuperar a concorrencia competitiva e a mellora dos servizos. Situación que se visualiza moi ben na actualidade no modelo de transporte privado as Illas Atlánticas e que este ano tan bos efectos tivo. Cun control de pasaxeiros que puxo de manifesto a presenza de 2100 visitantes máis que o cupo autorizado. E que puxo de manifesto o interese e férreo control da administración por velar por que se cumpriran as regras do xogo, especialmente portos de Galicia, que nin sequera apareceu.
No apartado dos portos náutico deportivos, séguese co modelo de crecemento infinito. Un modelo que alcanza xa as 15.300 prazas, sen conexión ningunha cos portos de interese nacional, cun criterio de aceso a prazas públicas unicamente pola orde de solicitude ou dándolle preferencia ao tamaño. Esquecendo o criterio de racionalidade en determinadas rías e sen desenvolver medidas que poñan en valor a función social destas instalacións, sen apostar pola recuperación das embarcacións tradicionais ou por preservar o medio ambiente e os recursos mariños antes que o negocio inversor.
Igualmente non se lle da un tratamento específico aos portos pesqueiros para que conten nos próximos 5/10 anos cunhas mínimas condicións. Tendo en conta que supoñen unha actividade de máis de 170.000 toneladas descargadas. Tampouco contempla un plan para adecuar o sector mexilloeiro a un mínimo de servizos básicos, sendo este un sector estratéxico que conta cunhas descargas próximas as 200.000 toneladas e no que nos encontramos con portos nos que teñen que fondear ou que carecen de pantaláns para realizar o atraque.
Por todo isto, o BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal, a adopción do seguinte
ACORDO:
-
Solicitar ao Goberno da Xunta de Galiza a retirada inmediata do Anteproxecto de Lei de Portos de Galiza.
-
Trasladar copia deste acordo aos grupos políticos con representación no Parlamento de Galiza.