O BNG recolle sinaturas por unha Sanidade Pública de Calidade en Marín
O BNG de Marín ven de poñer en marcha unha campaña de recollida de sinaturas de cara a recabar un importante apoio social coa finalidade de presionar ao Partido Popular para que non lle tome o pelo á veciñanza de Marín e resolva dunha vez os non poucos problemas que presenta a Sanidade Pública na nosa vila.
O 22 de setembro o BNG de Marín convocou unha rolda de prensa diante do Centro de Saúde da nosa vila para denunciar publicamente as carencias e deficiencias do novo edificio así como os incumprimentos da Xunta de Galiza en materia sanitaria, destacando os seguintes puntos:
- Supresión da ambulancia 24 horas.
- Anuncio da Xunta de prescindir do prometido Servizo de Radioloxía no novo Centro de Saúde.
- Carencia do Servizo de Farmacia.
- Carencia de monitor de desfibrilador no Centro de Saúde.
- Inexistencia de caixas fortes para depositar e gardar os fármacos psicotrópicos e estupefacientes.
- Deficiente Servizo de Fisioterapia.
- Falta de calefacción e auga quente durante varios días ao mes.
- Inundacións nalgunhas consultas.
- Deficiencia asistencial no servizo de Matronas.
- Falta de cobertura nas baixas de longa duración do persoal.
Naquela convocatoria, á que acudiu a nosa deputada Montse Prado, O BNG anunciaba que levaría todos estes asuntos ao Parlamento Galego. E así foi, as carencias e deficiencias do novo Centro de Saúde e os incumprimentos da Xunta de Galiza en materia sanitaria chegaron ao Parlamento da man do BNG.
O mércores 11 de outubro os problemas da Sanidade Pública de Marín tratáronse na Comisión 5ª do Parlamento Galego, onde a deputada do BNG Montse Prado lle pediu a Feijóo que cumpra as promesas e se subsanen as deficiencias no Centro de Saúde.
Mais lamentabelmente o Partido Popular votou en contra da iniciativa do BNG, impedindo deste xeito a posibilidade de mellora da Sanidade Pública na nosa vila e que en último termo a veciñanza de Marín reciba a atención sanitaria de calidade que merece.
O BNG de Marín non pode e non vai aceptar esta negativa xestión da Sanidade Pública en Marín nin os incumprimentos por parte da Xunta e non deixará de reclamar e loitar por unha Sanidade Pública de Calidade para os e as marinenses.
Así, o BNG de Marín quere informar que ven de poñer en marcha unha campaña de recollida de sinaturas, de cara a recabar un importante apoio social coa finalidade de presionar ao Partido Popular para que non lle tome o pelo á veciñanza de Marín e resolva dunha vez os non poucos problemas que presenta a Sanidade Pública na nosa vila.
Desde onte, xoves 2 de novembro, a militancia do BNG de Marín xa está a recoller sinaturas e as follas de sinaturas pódense atopar en varias decenas de establecementos comerciais da nosa vila, polo que animamos á veciñanza de Marín a que asine. É un simple, mais moi importante, xesto co que cada veciño/a de Marín pode colaborar de cara a conseguir as xustas melloras que os/as marinenses reclamamos, e merecemos.