O BNG reclamará no Pleno accións contra os lumes
O BNG levará ao Pleno da Corporación Municipal unha moción en relación cos lumes na que solicitamos que o Concello de Marín iste á Xunta a adoptar unha serie de medidas encamiñadas a reducir o número de lumes e minimizar o impacto dos que se poidan producir.
MOCIÓN CONTRA OS LUMES FORESTAIS E POLO DESENVOLVEMENTO RURAL
A traxedia da vaga de lumes forestais que vén de arrasar Galiza provocou en catro días a morte de catro persoas, puxo en situación de grave risco núcleos urbanos e miles de persoas viron as súas vidas ás portas da morte; deixou vivendas, centos de propiedades e máis de 35.000 hectáreas engulidas polas lapas (máis de 48.000 hectáreas este ano, tanto como nos tres anos pasados).
O Goberno galego era consciente de que Galiza atravesaba unha das maiores secas das últimas décadas, que as comarcas de Ourense levaban ardendo durante toda a semana e que os coletazos do furacán Ofelia traería fortes rachas de vento. A pesar diso, a política do Partido Popular (PP) vai no sentido inverso: redución das franxas de protección, despedimento de case medio milleiro de traballadoras e traballadores da empresa pública SEAGA a semana anterior e a non aplicación durante todo o ano das medidas de prevención.
Para o PP, unha política forestal que acometa medidas de carácter estrutural, que abranga a posta en valor dos terreos forestais, o aproveitamento diversificado e multifuncional do monte, a aplicación de medidas preventivas e de actualización do propio dispositivo de loita contra os lumes forestais, non existe.
En 2007 aprobouse por primeira vez unha lei de prevención e defensa contra os incendios forestais en Galiza. Dita norma sentaba os alicerces para dar prioridade a unha actuación preventiva contra os incendios forestais, combinando medidas de ordenación forestal do territorio, o impulso ao asociacionismo na explotación forestal, a inserción da política forestal na de desenvolvemento rural, deixando de ser unha política sectorial illada doutras actividades no medio rural, e a regulación dunha planificación eficaz dos dispositivos contra o lume.
Esta Lei foi derrogada polo PP, sen máis argumento que o desprezo pola súa autoría, sen ningún criterio lóxico, nin dende o punto de vista da prevención e loita contra o lume, nin para propiciar o desenvolvemento do rural e, o que é peor, sen implementar ningún modelo alternativo, acordando a pura e simple eliminación de medidas avanzadas de prevención e a volta á relegación e parálise da política preventiva e de ordenación forestal como principal panca para erradicar os incendios forestais en Galiza.
O goberno do PP, desde aquela, abriu a posibilidade de forestar terras agrarias, permitindo as repoboacións forestais en terras adicadas ao labradío, prados ou pasteiros. Deste xeito aumentou o desorde territorial, diminuíu a posibilidade de incrementar as explotacións, propiciou o abandono do mundo rural e aumentou o perigo dos incendios forestais.
O goberno do PP, ademais, reduciu na metade a obriga de xestionar a biomasa vexetal nunha faixa de 100 metros arredor de calquera núcleo ou actividade situada a menos de 400 metros do monte. E reduciu de 50 metros a 25, a contar desde a extrema da propiedade, a prohibición de especies que favorezan a propagación do lume (eucalipto, acacia, piñeiro...).
Estas reformas só poden ser entendidas, ademais, se con elas se pretende favorecer os intereses de certas industrias como ENCE, ao permitir grandes plantacións de especies de crecemento rápido como o eucalipto.
O BNG leva anos denunciando que este é un dos principais problemas estruturais do noso país. E como tal, a resposta tamén debe atacar ao problema de fondo. No mes de xuño, a Portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón, após os incendios do Pedrógão en Portugal, fíxolle un ofrecemento ao Presidente da Xunta de Galiza, para chegar a un grande pacto nacional galego en defensa do noso monte, que Feijóo nin se dignou en contestar. Os aspectos a abordar, como a desertización, o abandono de explotacións agrarias, monocultivo do eucalipto ao servizo basicamente de ENCE, a falta dun aproveitamento multifuncional do monte galego que aproveite todo o seu potencial, servizo de prevención e extinción precario, estacionalizado e sen mando único, etc., seguen aínda pendentes.
Diante disto o goberno do PP, aplica a política da manipulación informativa e do autobombo, botándolle a culpa ao vento, a Portugal... sen asumir as súas responsabilidades. Mesmo pretende atribuír aos concellos funcións propias da administración forestal, como a contratación das brigadas de extinción ou a realización de labores de limpeza nos límites das masas forestais, cando carecen de financiamento público municipal e son, se nos atemos aos criterios da pretendida 'racionalización da administración local' que impuxo o PP, competencias impropias dos entes locais.
Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte
ACORDO
Instar á Xunta de Galiza á
-
Executar unha política de desenvolvemento rural que reverta o abandono dos núcleos rurais e das explotacións agrarias e forestais.
-
Realizar, de xeito consensuado coas restantes forzas políticas e axentes sectoriais e sociais implicados, as modificacións lexislativas necesarias para a posta en valor do solo forestal e regule adecuadamente os problemas estruturais a nivel de ordenación do espazo rural e de medidas preventivas.
-
Acometer unha política forestal baseada no aproveitamento multifuncional do monte e na reversión do monocultivo de especies pirófitas.
-
Estabelecer un único protocolo de emerxencias a nivel nacional que evite a descoordinación e a dispersión xeográfica e de mandos.
-
Asumir as súas responsabilidades en materia de prevención mediante:
-
Maior implicación dos Distritos Forestais na colaboración cos concellos en materia de limpeza e vixilancia.
-
O estabelecemento e mantemento de faixas de protección.
-
Incrementar os orzamentos para as liñas de axuda destinadas a limpezas e na primeira parte do ano natural e previamente a entrada no período de risco.
-
-
Reformular o Servizo de Defensa Contra Incendios Forestais dunha forma integral e baixo un mando único (eliminando as brigadas municipais), de xeito que se garanta a súa coordinación, profesionalización e homologación tanto en formación como equipamento e condicións laborais.