Recollida de Sinaturas na Alameda pola mellora da Sanidade Pública
O domingo 12 de novembro o BNG colocará unha mesa na Alameda Rosalía de Castro de Marín coa finalidade de recoller sinaturas e falar coa veciñanza para explicarlle a situación actual da Sanidade Pública no noso Concello e transmitirlle os pasos que o BNG leva dados nos últimos tempos para tratar de mellorala.
Como xa anunciamos hai unha semana, o BNG de Marín ven de iniciar unha campaña de recollida de sinaturas para esixir a mellora da Sanidade Pública de Marín. O obxectivo é recabar un importante apoio social coa finalidade de presionar á Xunta de Galiza para que resolva os actuais problemas que presenta o noso Concello nesta materia.
O BNG de Marín non pode e non vai aceptar a negativa xestión da Sanidade Pública en Marín nin os incumprimentos por parte da Xunta de Galiza e non deixará de reclamar e loitar por unha Sanidade Pública de Calidade para os e as marinenses.
Cómpre solucionar as carencias e deficiencias que presenta o novo Centro de Saúde (desfibrilador, xestión de persoal, deficiente prestación dos servizos de Fisioterapia e Matronas, auga quente e calefacción, inundacións…), esixir o cumprimento das promesas en materia de Sanidade feitas pola Xunta de Galiza (Radioloxía) e insistir na reclamación do restablecemento da ambulancia 24 horas na nosa vila.
O vindeiro domingo día 12 de novembro o BNG colocará unha mesa na Alameda Rosalía de Castro de Marín coa finalidade de recoller sinaturas e falar coa veciñanza para explicarlle a situación actual da Sanidade Pública no noso Concello e transmitirlle os pasos que o BNG leva dados nos últimos tempos para tratar de mellorala.
A mesa estará colocada nas inmediacións da fonte da Alameda Rosalía de Castro entre as 12:00h. e as 14:00h. e o BNG quere convidar á veciñanza de Marín a que se achegue e colabore con esta campaña que é para beneficio de todos/as os/as marinenses.
Lembramos que as follas para asinar atópanse en varias decenas de establecementos do noso Concello, polo que aquelas persoas que queiran asinar e non poidan achegarse o domingo á Alameda teñen diferentes opcións para facelo. Quen o desexe tamén pode poñerse en contacto co BNG de Marín e facilitarémoslle a folla para asinar.
Xa por último aproveitamos para informar que tras a primeira semana de recollida de sinaturas a acollida da campaña pola veciñanza de Marín está a ser moi positiva, e isto está a verse reflectido no importante número de sinaturas acadadas tan só nuns días.