Os problemas no Centro Cultural son derivados dunha mala xestión
Dende o BNG non apoiamos esta nova modificación que perxudica os intereses da veciñanza de Marín, que terá que asumir un maior custe por unha infraestrutura con menos servizos. A construción do centro sociocultural está sendo xestionada con moi pouca seriedade, falta de transparencia e dun xeito chapuceiro.
Marín leva décadas esperando por un auditorio, un espazo digno no que poder desenvolver actividades culturais. Marín é dos poucos concellos do país que non conta cun centro cultural, xa que todos os proxectos presentados por diferentes corporacións municipais sempre se atoparon con múltiples atrancos que impediron levar a cabo a construción desta desexada infraestrutura.
Na pasada lexislatura, o goberno de María Ramallo propuxo a construción do auditorio na praza de España, nunha parcela cedida polo Porto, con fondos europeos e a colaboración da Xunta de Galiza. Ante o anuncio desta ubicación, diferentes colectivos sociais e culturais uníronse para crear unha plataforma, que o BNG apoiou, para propoñer unha ubicación alternativa, mais o goberno municipal non mudou o seu posicionamento e levou adiante a proposta inicial.
Malia que desde o BNG considerabamos que a ubicación na praza de España non era a máis axeitada, dende o BNG apoiamos en todo momento o proxecto, pois o máis importante era que por fin se ía levar a cabo a construción dunha infraestrutura tan necesaria para Marín.
No mes de xaneiro deste ano tivemos coñecemento polos medios de comunicación da aparición de problemas técnicos nos traballos de construción do centro cultural, polo que dende o BNG solicitamos unha reunión de Xunta de Portavoces para saber que estaba acontecendo. Nesta xuntanza, o PP quitoulle ferro á situación, alegando que os problemas aparecidos son normais neste tipo de obras.
Como levamos manifestando desde que xurdiron os problemas, resulta totalmente incomprensíbel que para unha obra de tal envergadura e nunha zona tan sensíbel como é un recheo sobre o mar se utilizara un estudo xeotécnico do ano 2007, elaborado para outro proxecto. A consecuencia é que xorden problemas derivados da falta dun estudo específico para esta obra, e agora resulta que nos atopamos coa aparición de auga a menor profundidade da que se recollía naquel estudo.
Mais a isto hai que sumarlle outro novo erro, a utilización de mapas da Autoridade Portuaria que non sinalaban o espigón do antigo peche do porto.
Estas chapuzas provocaron unha modificación do proxecto, cun novo aumento de 290.000 euros no orzamento, ademais dunha redución de servizos, xa que se elimina o soto no que se prevía ubicar 12 prazas de aparcamento e as instalacións técnicas do edificio. Por outra banda, tamén se elevará a altura do edificio uns 60cm, polo que o impacto visual será maior.
Dende o BNG non apoiamos esta nova modificación que perxudica os intereses da veciñanza de Marín, que terá que asumir un maior custe por unha infraestrutura con menos servizos. A construción do centro sociocultural está sendo xestionada con moi pouca seriedade, falta de transparencia e dun xeito chapuceiro.
Ante todo isto, o goberno local pretende normalizar unha mala xestión, en lugar de recoñecer os erros, importantes, cometidos. O goberno do PP debería amosar máis humildade e exercer o seu traballo coa maior responsabilidade e non sinalar aos grupos da oposición, xa que estas dificultades que foron aparecendo non son precisamente “lóxicas”, como define o concelleiro de urbanismo.
Resulta comprensíbel ter que asumir unha modificación no orzamento como consecuencia da inflación dos prezos que está repercutindo a nivel mundial, mais as dificultades ás que fai alusión o Sr. Santos son derivados dunha mala administración que vai repercutir na veciñanza.