O BNG presenta unha declaración institucional para rexeitar a expulsión de Ana Miranda de Israel
Lucía Santos solicitará “o apoio da corporación municipal do Concello de Marín á proposta de Declaración Institucional, amosando o rexeitamento á deportación dunha representante da Unión Europea, un feito gravísimo e impropio de calquera país democrático.”
O pasado 21 de febreiro, a eurodeputada do BNG Ana Miranda foi expulsada do aeroporto de Tel Aviv, negándoselle a entrada a Israel, cando viaxaba como representante da Unión Europea, cunha autorización expresa tanto da propia institución comunitaria como do propio Ministerio de Exteriores israelí.
Ana Miranda formaba parte dunha delegación do Parlamento Europeo para asistir a distintas xuntanzas diplomáticas e encontros sociais en relación ás políticas de reasentamento e demolicións que está a executar o goberno israelí contra a poboación de Palestina, e que foron denunciadas en distintas resolucións do Parlamento Europeo e da ONU.
A portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, manifesta que “en moitas ocasións, o pleno da corporación municipal de Marín ten amosado o seu firme apoio a prol da paz e dos dereitos humanos a nivel global.”
Lucía Santos indica que “Palestina leva décadas sufrindo o acoso de Israel, que actúa con total impunidade vulnerando os dereitos da poboación palestina.”
Mais a violencia israelí ven incrementándose notabelmente no último ano. O ano 2022 rexistrou máis de 220 palestinos mortos, incluídos 30 nenos, o maior número de mortos desde 2004. E as cousas non fixeron senón empeorar neste 2023, tras a toma de posesión do novo goberno de extrema dereita liderado por Benjamin Netanyahu, que avivou a represión e en tan só nos pouco máis de 2 meses que levamos de ano 73 palestinos, incluídos 13 nenos, foron asasinados, superando con creces as cifras de 2022.”
É por isto que a portavoz municipal do BNG solicitará, no vindeiro pleno municipal que se celebrará o xoves 9 de marzo, “o apoio da corporación municipal do Concello de Marín á proposta de Declaración Institucional, amosando o rexeitamento á deportación dunha representante da Unión Europea, un feito gravísimo e impropio de calquera país democrático.”