O BNG rexeita a piscina de auga salgada no vello peirao
Lucía Santos, indica que “o goberno municipal debería apostar por protexer e conservar este espazo, xa que forma parte da memoria do noso pobo.”
Santos solicita a María Ramallo “que recapacite e non se leve a cabo este proxecto” e propón unha nova ubicación para a construción da piscina de auga salgada, no tramo do Paseo Alcalde Blanco entre a zona de atraque dos barcos de pasaxeiros da ria e o mirador do final do paseo.
A historia de Marín conta con múltiples exemplos de bens patrimoniais que por decisións erradas no seu día perdéronse como é o desaparecido Priorato, o Pazo da Raña, a Vila Echegaray, ou o Pazo de Cadro en mans privadas e en estado de abandono.
O mesmo podemos dicir do casco histórico, que por falta de iniciativa política amosa un estado de abandono importante. Rúas principais do casco urbano como son a rúa Real, a rúa do Sol ou a rúa da Roda amosan un estado decadente, cheas de edificacións históricas nun estado lamentábel, polo que Marín vai perdendo pouco a pouco a súa identidade se non se pon freo a esta destrución.
Nestes días, o BNG vén recibindo numerosos comentarios da veciñanza amosando a súa preocupación polo anuncio do goberno do PP de construir unha piscina de auga salgada no inicio do Paseo Alcalde Blanco.
Este proxecto, enmarcado dentro do Plan de Sostenibilidade Turística financiado cos fondos europeos Next Generation, conleva a desaparición do único espazo mariñeiro que a nosa vila aínda conserva, o cemiterio de barcos do vello peirao.
A portavoz do BNG, Lucía Santos, indica que “o goberno municipal debería apostar por protexer e conservar este espazo, xa que forma parte da memoria do noso pobo.” E engade que “o último que precisa Marín é un proxecto que destroce o escaso patrimonio etnográfico e cultural que aínda conservamos.”
A portavoz municipal do BNG solicita a María Ramallo “que recapacite e non se leve a cabo este proxecto” e propón unha nova ubicación para a construción da piscina de auga salgada, no tramo do Paseo Alcalde Blanco entre a zona de atraque dos barcos de pasaxeiros da ria e o mirador do final do paseo.
Este espazo podería delimitarse con plataformas flotantes mariñas para formar unha dársena de auga, habilitando ademais unha zona de baño próxima aos xogos de auga existentes.
Lucía Santos manifesta que “as actuacións enmarcadas no plan de sostenibilidade turística deberían ter como obxetivo a aposta dun modelo de turismo solstíbel e identitario, poñendo en valor os bens paisaxísticos e culturais de cada lugar e non destrozando un espazo que forma parte da historia de Marín, da nosa relación co mar como é o cemiterio de barcos.”