O BNG solicita unha xuntanza de portavoces ante os "problemas" do centro cultural
A xuntanza terá lugar o vindeiro luns 30 de xaneiro, e Lucía Santos adianta que solicitará información do que está acontecendo e que "o BNG non aceptará modificacións que prexudiquen os intereses da veciñanza de Marín.”
O BNG solicitou a María Ramallo unha xuntanza de portavoces para pedir información sobre os problemas aparecidos na construción do Centro Cultural.
Tras ter coñecemento de problemas técnicos nas obras da construción do Centro Cultural, a portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, considera que “ante unha situación de tal relevancia para a veciñanza de Marín, os grupos políticos da corporación temos dereito a coñecer cales son eses problemas, xa que non é de recibo enterarnos polos medios de comunicación da paralización das obras.”
Lucía Santos indica que como “xa manifestamos dende o BNG, a aparición de auga xa estaba contemplada no estudo do proxecto polo que o goberno municipal debe aclarar todas as dúbidas e dar información sobre a situación da obras.”
A xuntanza terá lugar o vindeiro luns 30 de xaneiro, e Lucía Santos adianta que solicitará información do que está acontecendo e se as dificultades que parece ser xurdiron, van supoñer cambios no proxecto inicial do Centro Cultural.
Santos indica que “o BNG non aceptará modificacións que perxudique os intereses da veciñanza de Marín” e destaca que “o feito de ter que pedir esta xuntanza, denota a falta de transparencia coa que actúa o goberno municipal.”