O BNG amosa a súa sorpresa e preocupación ante os "problemas técnicos" na execución do centro cultural

Lago2
Lucía Santos, portavoz do BNG de Marín

Lucía Santos manifesta que “non estamos ante ningún imprevisto” pois “o estudo xeotécnico xa prevé a aparición de auga durante a execución da obra.”

Lucía Santos afirma que o BNG “non aceptará nin un encarecemento do proxecto nin unha redución dos servizos previstos” e pide a María Ramallo “que actúe co rigor e seriedade que este tema merece, e se leve a cabo unha xestión íntegra e transparente por respeto á veciñanza de Marín.”

O BNG amosa a súa sorpresa e preocupación ante os "problemas técnicos" na execución do centro cultural

Nestes días o BNG tivo coñecemento, polos medios de comunicación, de problemas que están xurdindo nas obras do futuro Centro Cultural, debido a aparición de auga nas excavacións. O BNG amosa a súa sorpresa e preocupación ante unha situación que resulta difícil de entender.

Ante esta noticia, resultan moi sorprendentes as declaracións do goberno municipal manifestando que hai “problemas técnicos derivados da execución dunha obra deste calado e envergadura” e chamando á tranquilidade asegurando que “se está á espera de informes técnicos”.

“Sorprendentes porque o estudo do proxecto da construción do Centro Cultural xa contemplaba a posibilidade de aparición de auga do mar”, en palabras de Lucía Santos, portavoz municipal do BNG de Marín.

Lucía Santos manifesta que “a documentación do proxecto sociocultural, no apartado 2.1.2, fai mención á realización dun estudo xeotécnico, indicando que durante a realización de sondeos detectouse a presenza de auga, polo que se prevé a aparición da mesma durante a execución da obra.” Por isto, deberá terse en conta que a profundidade á que se atopa o nivel de auga oscila ente os 2,4m en baixamar e 2,27m na pleamar.

Lucía Santos expón que “dito informe indica na súa conclusión como se debe levar a cabo a execución da obra para solventar o problema da auga, mencionando un tipo de cimentación determinado para estruturas mariñas, ademais da dotación dun sistema de captación e tratamento da auga e a súa evacuación á rede de saneamento.”

A portavoz do BNG afirma que “xa que logo, non estamos ante ningún imprevisto.” Por todo isto, “o BNG considera unha tomadura de pelo a aparición de problemas técnicos” na execución do Centro Cultural, xa que o proxecto de execución xa contempla todas as recomendacións construtivas do estudo xeotécnico para subsanar a entrada da auga.”

A portavoz municipal do BNG expresa que, tras as declaracións do goberno municipal, “non entendemos cal é o problema”, o que nos leva a plantexarnos que se poidan estar valorando dúas opcións:

A intención de eliminar a planta soterrada que vén contemplada no proxecto para albergar 12 prazas de aparcamento, ademais de ubicar diversas instalacións técnicas do edificio como o cuarto de maquinaria, cuarto do grupo electróxeno ou o sistema de protección contra incendios. Polo que a eliminación desta planta suporía unha reducción de 429,20 metros cadrados do edificio.

A outra opción é a posibilidade dun encarecemento do proxecto para subsanar un problema que non é tal, pois xa está contemplado no estudo do equipo redactor, tanto as características que presenta o terreno pola súa proximidade ao mar, como a explicación específica da solución construtiva para a cimentación do Centro Cultural.

Lucía Santos afirma que “o BNG non vai aceptar ningunha destas posibilidades, pois resultan totalmente inxustificábeis” e pide a María Ramallo “que actúe co rigor e seriedade que este tema merece, e se leve a cabo unha xestión íntegra e transparente por respeto á veciñanza de Marín.”

O BNG amosa a súa sorpresa e preocupación ante os "problemas técnicos" na execución do centro cultural