O BNG solicita ao goberno municipal a elaboración do catálogo de hórreos en Marín
Lucía Santos afirma que “coa elaboración do Catálogo de Hórreos do concello, as licenzas de obra nos núcleos de vivenda no rural afectadas pola existencia dalgún hórreo serían xestionadas directamente dende o concello e non dende a Dirección Xeral de Patrimonio como está acontecendo na actualidade, con todos os inconvenientes e demoras que isto supón.”
E engade que “coa necesaria actualización do PXOM, para actualizalo á lexislación galega aprobada con posterioridade á entrada en vigor do Plan Xeral, a franxa de protección de cada hórreo reduciríase de 50 a 30 metros. Todo isto facilitaría a construción de nova vivenda nos núcleos do rural.”
Como ben sabemos, o PXOM de Marín foi aprobado no 2012, tras 19 anos de traballo para a súa elaboración, mais durante os 11 anos transcurridos, o goberno municipal do PP amosou claramente a súa incompetencia para levar a cabo o seu desenrolo, entre outras cousas, pola falta de plans específicos que resultan obrigatorios para a súa aplicación.
A inacción do goberno local do PP ante un tema de tal importancia para o desenvolvemento da nosa vila está acarreando graves consecuencias para Marín, como a nula construción de nova vivenda na última década ou a ininterrumpida e alarmante perda de poboación durante os últimos doce anos.
Lucía Santos, portavoz municipal do BNG, manifesta que “o goberno de María Ramallo aínda ten pendente a elaboración do Plan Especial de Protección para os Cascos Antigos, preceptivo tras a aprobación do PXOM e solicitado, ante a inacción do goberno popular, polo BNG no ano 2018 nunha moción aprobada por unanimidade.”
O BNG voltou manifestar no pasado mes de novembro que a falta deste plan afecta negativamente a boa parte do núcleo da vila e a zona de Cantodarea, xa que para calquera tipo de obra é necesaria a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio, o que está provocando longas esperas para poder realizar a máis mínima obra nun inmoble.
Asimesmo, Santos indica que “resulta necesaria a elaboración do Catálogo de Hórreos do concello, o que faría que as licenzas de obra nos núcleos de vivenda no rural afectadas pola existencia dalgún hórreo, feito moi habitual nestes núcleos, sexan xestionadas directamente dende o concello e non dende a Dirección Xeral de Patrimonio como está acontecendo na actualidade, con todos os inconvenientes e demoras que isto supón.”
É por isto, que o BNG ven de presentar unha moción na que solicita ao goberno municipal o desenrolo do Catálogo de Hórreos do concello de Marín para facilitar a construción de nova vivenda nos núcleos do rural.
Mentres se leve a cabo a redación deste catálogo, a voceira do BNG insta ao goberno local “a levar a cabo a necesaria revisión do PXOM para adaptar a normativa á lei 2/2016 do solo de Galiza, da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, que, entre outras cousas, reduce o espazo de afección de cada hórreo de 50 a 30 metros de franxa de protección. Cómpre actualizar o PXOM ás novas leis aprobadas con posterioridade a súa entrada en vigor.”
Lucía Santos expón que “a pasividade manifesta do PP nestes doce anos de goberno levou ao noso concello a encabezar os concellos de máis de 20.000 habitantes con perda de poboación, cunhas cifras a todas luces alarmantes (Marín perdeu 1.963 habitantes nestes 12 anos, un 7,55% da poboación), nun contexto no que a práctica totalidade dos concellos da contorna gañan poboación.”
A portavoz municipal do BNG asegura que “Marín precisa un proxecto de futuro, cun modelo urbano definido e moderno, e para isto é preciso o desenrolo do PXOM para facilitar a rehabilitación de inmobles, a construción de nova vivenda e a expansión do núcleo urbano de Marín.”