O BNG lamenta a negativa do PP á ampliación de espazo e horario da Biblioteca municipal para o estudantado
Lucía Santos considera que a sala de estudo “é unha necesidade real que se reflexa cada ano, nas tempadas próximas a exames ou oposicións, coa demanda do estudantado reclamando maior espazo e aumento puntual no horario de uso da biblioteca.”
Nestas semanas, a biblioteca municipal de Marín veu incrementado o número de usuarios, debido a que opositores, universitarios e estudantes de bacharelato precisaron utilizar a zona de estudo da biblioteca pública para preparar exames.
A mocidade que utiliza estas instalacións públicas ven manifestando, durante os últimos anos, queixas ante a falta de espazo, xa que a zona de estudo da biblioteca resulta insuficiente para a demanda de estudantes, ademais de non poder utilizar a biblioteca os sábados pola tarde, domingos e festivos por estar pechada.
É por isto que a portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, solicitou na comisión informativa de cultura “a ampliación de horario aos sábados pola tarde, domingos e festivos para dispoñibilidade do estudantado marinense durante o mes de xaneiro, no que coinciden as datas de exames universitarios.”
Ademais, Lucía Santos propuxo habilitar de xeito puntual a aula CeMIT, situada na pranta superior do edificio, “co que se gañaría un espazo adicional dunhas vinte prazas.” Santos lembra que esta medida xa se levou a cabo no 2020, poñéndoa a disposición para o estudantado universitario durante os meses de xuño e xullo para realizar exames.
Esta proposta foi rexeitada pola concelleira delegada da área de cultura, a Sra. Beatriz Rodríguez, argumentando que a Biblioteca Municipal non ten a finalidade de ser utilizada como aula de estudo, senón que se trata dun espazo de consulta.
Lucía Santos considera que a sala de estudo “é unha necesidade real que se reflexa cada ano, nas tempadas próximas a exames ou oposicións, coa demanda do estudantado reclamando maior espazo e aumento puntual no horario de uso da biblioteca.”
Santos lembra que “xa no ano 2017, o BNG presentou unha moción solicitando un estudo técnico para valorar a opción de trasladar a Biblioteca Municipal a outra localización, ou en todo caso, realizar unha reforma integral no edificio actual para dotalo dos servizos que require unha instalación deste tipo.”
Máis até o día de hoxe, o goberno do PP limitouse a facer reformas puntuais mais a todas luces insuficientes, xa que seguen sen cubrir os servizos que precisa a veciñanza, polo que o estudantado vese na obriga de desprazarse a outros concellos para dispoñer dun espazo de estudo.
A voceira do BNG manifesta que “un goberno municipal competente debería dar resposta ás necesidades da veciñanza, e a dotación dun maior espazo para zona de estudo é unha reivindicación veciñal e unha necesidade evidente.”