O BNG lamenta que a mala xestión do centro cultural vai supoñer unha nova modificación no proxecto
Lucía Santos califica a xestión do procedemento das obras como “unha auténtica chapuza” e manifesta que “resulta incomprensíbel que para unha obra destas dimensións non se elaborara un estudo específico con sondeos sobre a ubicación da cimentación do Centro Cultural.”
O pasado luns 30 de xaneiro celebrouse a xuntanza de portavoces solicitada polo BNG na que o goberno municipal deu traslado da situación das obras do Centro Cultural.
Segundo informou María Ramallo, ao comezar as excavacións a agua do mar apareceu a 0,90m, cando o proxecto indicaba a profundidade de auga entre os 2,4m e 2,27m según as mareas.
Outro dos inconvenientes parece ser a aparición de zona rochosa pertencente ao espigón do antiguo peche do Porto, o cal sorprendentemente non aparecía ubicado nos planos da Autoridade Portuaria. Esta dificultade conleva modificar a cimentación a un sistema de micropilotes.
Debido a aparición destes obstáculos, a dirección de obra volveu encargar un novo estudo xeotécnico mais, á espera dos resultados, xa se valora a opción de eliminar o sótano do edificio no que estaba prevista abergar 12 prazas de aparcamento, ademais da ubicación das instalacións técnicas do edificio.
Ante esta situación, a portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, califica a xestión do procedemento das obras como “unha auténtica chapuza” e indica que “estamos a falar dunha obra que supón un gasto de máis de cinco millóns de euros, na que ademais de non contemplar un estudo detallado do terreo, utilizouse información de planos desactualizados.”
Por outra banda, a voceira do BNG destaca a importancia de ter convocada esta xuntanza, a instancias do BNG, xa que se prevé un novo cambio do proxecto do Centro Cultural.
Lucía Santos expón que “a redacción do proxecto de execución do Centro Cultural aproveitou a documentación dun estudo xeotécnico realizado no ano 2007 para outro proxecto que nada tiña que ver con aquel”, polo que manifesta que “resulta incomprensíbel que para unha obra destas dimensións non se elaborara un estudo específico con sondeos sobre a ubicación da cimentación do Centro Cultural.”
O BNG lamenta que a mala xestión deste proxecto repercuta nunha nova modificación no edificio do Centro Cultural no que, á espera dun novo estudo, todo indica que pode supoñer a supresión do sótano coa redución de espazo na edificación e eliminación de aparcamentos para persoas con discapacidade, un maior impacto visual se se ten que elevar a construcción do edificio, e novamente, un aumento na partida orzamentaria.