O BNG tilda os orzamentos do ano 2025 de continuístas e alleos ás necesidades da veciñanza

Lucía Santos destacou que os Orzamentos Municipais de 2025 son unha oportunidade perdida para Marín, acusando ao PP de presentar unhas contas continuistas que non abordan os problemas reais do municipio. A portavoz do BNG sinalou que Marín precisa políticas que respondan as necesidades da súa xente, non máis promesas baleiras.

O BNG tilda os orzamentos do ano 2025 de continuístas e alleos ás necesidades da veciñanza

O BNG denuncia que os Orzamentos Municipais para 2025 son continuistas e incapaces de responder ás necesidades reais de Marín. Así o manifestou a portavoz nacionalista, Lucía Santos Omil, no Pleno do pasado xoves 12 de decembro, onde o documento económico, de preto de 18 millóns de euros, foi aprobado cos únicos votos do Partido Popular. O BNG votou en contra por considerar que estes orzamentos ignoran problemas estruturais como o devalo demográfico, o peche do comercio local e a falta de reforzo nos servizos públicos.

Lucía Santos destacou que Marín perdeu 1.663 habitantes desde 2011, pasando de 25.864 a 24.197 veciños e veciñas, un descenso que non ten precedentes na historia recente do municipio. A isto engádese a emigración de máis de 600 persoas no mesmo período. “Estamos ante unhas contas que non inclúen ningunha medida para frear esta situación. É unha demostración de que as políticas do PP están esgotadas e carecen de proxecto para o futuro de Marín”, afirmou. Ademais, denunciou o baixo nivel de execución orzamentaria, con só un 68,83% en 2023, o que deixou case 9 millóns e medio de euros sen gastar. “Como poden falar de rigor se nin sequera son capaces de cumprir os seus propios orzamentos?”, preguntou.

Outro dos puntos máis criticados foi a falta de cobertura das prazas vacantes no cadro de persoal municipal, con 23 postos sen cubrir, entre eles os de técnico deportivo e técnico cultural. A portavoz denunciou que o orzamento de 2025 non contempla novas convocatorias, e que o incremento do 1,4% na partida de persoal é insuficiente para compensar a inflación, o que implicará unha perda de poder adquisitivo para as persoas funcionarias. “O goberno local prometeu que 2025 sería o ano das novas contratacións, pero, unha vez máis, quedan en palabras,” afirmou Santos, quen tamén destacou que o concello continúa incumprindo o prazo legal de 30 días para o pago a provedores, advertido tanto pola Xunta como polo Ministerio de Facenda. Por outra banda, a situación do comercio local foi outro eixo central da intervención nacionalista: “Cada ano pechan máis negocios e non existe unha política eficaz que fomente a actividade económica. A única medida contemplada nos orzamentos é unha subvención de 4.000 euros para a asociación de comerciantes, unha cifra claramente insuficiente,” lamentou Lucía.

O BNG criticou a falta de participación cidadá na elaboración dos orzamentos, ao non consultarse á veciñanza nin aos colectivos sociais. Lucía Santos subliñou que Marín precisa unhas contas que afronten os retos actuais e futuros, con políticas claras para frear o devalo demográfico, revitalizar o comercio e mellorar os servizos públicos.

O BNG tilda os orzamentos do ano 2025 de continuístas e alleos ás necesidades da veciñanza