O fracaso do proxecto de aparcadoiro no parque Eguren confirma a falta de visión do PP

Lucía Santos lembra que a formación nacionalista xa advertira da inviabilidade do aparcadoiro subterráneo e defende alternativas máis económicas e sostibles, como os aparcadoiros en altura, para resolver os problemas de mobilidade en Marín.

O fracaso do proxecto de aparcadoiro no parque Eguren confirma a falta de visión do PP

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) lamenta a improvisación e falta de planificación do goberno municipal en relación co proxecto do aparcadoiro subterráneo do Parque Eguren. As recentes declaracións da alcaldesa, María Ramallo, nas que recoñece a inviabilidade económica do modelo proposto, confirman o que o BNG xa advertira que o proxecto é inviable e pouco atractivo para o investimento privado.

A portavoz do BNG, Lucía Santos Omil, cuestionou a actitude do goberno local ante este asunto. “Chámanlle prudencia a anos de parálise e de proxectos inviables. Este goberno gastou tempo e recursos en propostas mal planificadas, mentres problemas reais como a falta de aparcadoiros seguen sen solución”, afirmou Santos.

Dende o BNG destacan que a solución pasa por abordar o problema con ideas viables e efectivas, tendo en conta as necesidades reais da veciñanza. Na charla informativa organizada o 7 de novembro, a situación da mobilidade en Marín foi cualificada maioritariamente polas persoas asistentes como “caótica”, “pésima” e “mala”, reflectindo o descontento xeral coas políticas municipais neste ámbito. Unha ampla maioría dos asistentes indicou ademais que as solucións deberían pasar por melloras no transporte público combinadas con alternativas máis sostibles de xestión do espazo.

Entre as propostas debatidas, destacaron as accións baseadas no Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), que inclúen a reorganización do tráfico, a integración urbana e a optimización da xestión dos aparcadoiros. “Marín precisa unha mobilidade máis funcional, planificada e adaptada ás necesidades reais da veciñanza”, indicou Santos.

Unha das alternativas expostas polo BNG é a construción de aparcadoiros en altura, unha solución máis económica e funcional que xa se implementou con éxito en localidades como Torrelavega. Esta proposta foi valorada como unha opción lóxica para abordar o problema do estacionamento en Marín.

“Os aparcadoiros en altura permiten ofrecer solucións inmediatas e eficaces aos problemas de estacionamento en Marín, algo que o modelo proposto para o Parque Eguren claramente non pode resolver”, engadiu Santos.

Dende o BNG instan ao goberno municipal a abandonar os grandes anuncios sen fundamento e a centrarse en proxectos realistas e efectivos que respondan ás necesidades da vila. “O futuro de Marín non pode depender de proxectos inviables. É hora de apostar por solucións que funcionen e que poidan implementarse ”, concluíu a portavoz.

O fracaso do proxecto de aparcadoiro no parque Eguren confirma a falta de visión do PP