O BNG esixe medidas para apoiar o comercio local

A falta de apoio institucional, a ausencia de solucións para o aparcamento e a competencia das grandes superficies afogan ao pequeno comercio da vila, mentres o BNG aposta por medidas urxentes para revitalizalo.

O BNG esixe medidas para apoiar o comercio local

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denuncia a falta de apoio que o goberno municipal do Partido Popular (PP) ofrece ao comercio local, un sector fundamental para a economía e a vida social da nosa vila, que atravesa un momento crítico. O pasado 23 de decembro saímos ás rúas para repartir información e amosar o noso apoio aos comerciantes, que loitan día a día contra a competencia desleal das grandes superficies e as compras en liña, agravada por anos de abandono institucional.

A situación é alarmante. Cada vez son máis os comercios que pechan as súas portas debido á falta de clientes, o incremento de custos e a incapacidade de competir con plataformas dixitais que ofrecen prezos moi baixos e unha comodidade que resulta difícil de igualar. Por riba, a falta de políticas que fomenten o consumo local ou faciliten a adaptación dos pequenos negocios á era dixital está a deixar ao comercio de proximidade nunha posición cada vez máis fráxil.

A isto súmaselle un problema grave que afecta a veciñanza e aos comerciantes: a falta de aparcamento en Marín. Moitas persoas deciden ir comprar a grandes superficies porque dispoñen de estacionamento gratuíto e cómodo, mentres que en Marín atópanse con rúas saturadas, prazas insuficientes e unha total ausencia de alternativas. Esta situación non só afasta aos potenciais clientes, senón que tamén incrementa o estrés e dificulta o traballo dos propios comerciantes.

O goberno municipal leva anos sen ofrecer solucións a esta problemática, ignorando as queixas da cidadanía e deixando que o comercio local perda o seu lugar fronte a outros modelos de consumo que nada aportan á economía e ao tecido social do noso concello. Desde o BNG reclamamos medidas urxentes, como a creación de novos espazos de aparcamento, a mellora das zonas de carga e descarga para facilitar o traballo dos negocios, e campañas efectivas de apoio ao consumo local que inviten á veciñanza a apostar polo comercio de proximidade.

Marín necesita un comercio vivo, dinámico, que sexa capaz de ofrecer non só produtos e servizos, senón tamén un espazo de encontro e comunidade. Dende o BNG seguiremos a traballar por un Marín mellor, máis accesible e comprometido cos seus comerciantes, porque o futuro da nosa vila tamén pasa por apoiar aos negocios que a fan única. Mercar local non é só unha decisión económica, é un xesto de apoio á nosa identidade.

O BNG esixe medidas para apoiar o comercio local