O BNG renova o Consello Local, con Xurxo Agra repetindo como Responsábel Local

Consello Local do BNG de Marín

Xurxo Agra do Pazo (Responsábel Local) e Davinia Lojo Amoedo (Vice Responsábel Local) serán as persoas encargadas dun Consello Local renovado e ampliado, coa vista posta en acadar a alcaldía nas eleccións municipais de 2027.

O BNG renova o Consello Local, con Xurxo Agra repetindo como Responsábel Local

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Marín celebrou o pasado martes 17 de decembro, unha Asemblea Local na que se renovou o Consello Local, órgano clave pata a acción política e organizativa da formación na localidade, no que Xurxo Agra do Pazo foi reelixido como Responsábel Local, consolidando así unha liña de continuidade no liderado.

Xurxo Agra e Davinia Lojo

A renovación do Consello Local enmárcase no proceso da XVIII Asemblea Nacional do BNG, celebrada o pasado 1 de decembro en Santiago de Compostela, un evento que reafirma o carácter democrático e participativo da organización. Neste foro a militancia redefine a liña política da organización para os vindeiros anos, localidade a localidade, comarca a comarca.

Coa Asemblea Nacional, o BNG actualiza as análises do contexto político actual, tanto no plano galego como estatal e tamén internacional, coa vista posta nos procesos electorais das vindeiras Municipais de 2027. Para iso o BNG está agora no proceso de actualizar e reforzar en cada comarca e en cada localidade os órganos de traballo.

Neste contexto, o BNG de Marín vén de decidir a composición da nova dirección local, composta polas seguintes persoas:

1.- Xurxo Agra do Pazo (Responsábel Local)

2.- Davinia Lojo Amoedo (Vice Responsábel Local)

3.- Pablo Guimeráns Sanjorge

4.- Laura García Troitiño

5.- Andrés Seoane Collazo

6.- Leyre Castro del Río

7.- Aarón Franco Outón

8.- Elena Lameiro Ferradás

9.- Pablo Blanco Agraso

10.- Celia García Santomé

11.- Tino Iglesias García

12.- Lucía Santos Omil

13.- Xavier Loira Villanueva

14.- Ester Crespo Iglesias

15.- Luciano Guimeráns Pazos

A nova dirección local do BNG de Marín reafirma o seu compromiso coa estratexia que consolidou a organización como unha forza política clave no municipio, mirando cara ao obxectivo de acadar a alcaldía en 2027, tras o histórico avance das últimas eleccións municipais. O novo Consello Local, liderado por Xurxo Agra desde 2017, combina a experiencia dos seus militantes históricos coa enerxía e visión das recentes incorporacións de mocidade, reforzando así un proxecto que equilibra continuidade e renovación para garantir estabilidade e progreso político.

Xurxo Agra, Licenciado en Ciencias Políticas, analista de política internacional e activista social, cultural e político, agradeceu o apoio e confianza da militancia e destacou a calidade da equipa: “Esta lista reflicte un compromiso firme coa defensa dos traballadores e traballadoras, da igualdade de xénero, da memoria histórica, e coa promoción da cultura e a lingua galega.”

Pola súa banda, Davinia Lojo, Graduada en Ciencias Políticas e da Administración, mestrada en Técnicas Estatísticas e en Liderado e Comunicación Política, subliñou que a liña a seguir nesta nova etapa será intensa, renovadora e sempre orientada ao benestar da veciñanza. “Manteremos unha oposición firme ao goberno do Partido Popular (PP), sempre cun enfoque positivo e con presenza constante nas rúas, escoitando as necesidades da veciñanza”.

Xurxo Agra e Davinia Lojo lembran que “o BNG de Marín vive un momento moi ilusionante, cunha gran líder na figura de Lucía Santos, unha grandísima equipa e un proxecto ambicioso e serio para o noso concello”.

O Responsábel Local remata afirmando que “o BNG está á alza, como se ven evidenciando en todos e cada un dos procesos electorais que se veñen celebrando nos últimos anos (eleccións municipais, estatais, galegas e europeas). Temos unha organización forte que transmite compromiso, seriedade, ilusión e capacidade e isto reflíctese na gran corrente de simpatía que palpamos na rúa.”

O BNG renova o Consello Local, con Xurxo Agra repetindo como Responsábel Local