O PP esgota Marín en 2024 mentres o BNG lidera a oposición con propostas reais

O Grupo Municipal do BNG afirma que "neste 2024 o noso concello intensificou o seu retroceso como consecuencia da mala xestión do PP. Ante este desgoberno, a veciñanza tivo no BNG unha forza construtiva que plantexou numerosas propostas para mellorar a vida das e dos marinenses”

O PP esgota Marín en 2024 mentres o BNG lidera a oposición con propostas reais

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) conclúe o ano 2024 facendo un balance moi negativo da xestión do Partido Popular (PP) no Concello de Marín. Unha xestión marcada pola improvisación, falta de planificación e o inmobilismo, que non só foi incapaz de ofrecer solucións reais aos problemas da veciñanza, senón que contribuíu a consolidar unha tendencia negativa para o noso municipio. Fronte a esta falta de iniciativa, o BNG destacou ao longo do ano por impulsar medidas transformadoras, orientadas a mellorar a calidade de vida das persoas e avanzar cara a un modelo máis sostible, accesible e humano.

Entre as iniciativas máis destacadas atópanse as vinculadas a abordar o problema do acceso á vivenda, unha cuestión fundamental para moitas familias en Marín. O BNG propuxo a realización de xestións para a adquisición por parte da Xunta da estrutura e solar do edificio de Concepción Arenal 64(esquina A Cañota) para destinalo a vivendas sociais que garantisen fogares dignos e accesibles para as persoas que máis o necesita. Ademais, defendeu a recuperación do Edificio Pais-Baladrón como patrimonio público, propoñendo o seu uso para desfrute da veciñanza. Esta última iniciativa contou co respaldo de 1.250 sinaturas cidadás, pero tanto o proxecto de A Cañota como o de Baladrón foron rexeitados polo goberno local do PP, que demostrou unha vez máis a súa falta de interese por atender as demandas da veciñanza.

Por outra banda, en materia de mobilidade, unha das principais preocupacións da veciñanza tras as obras que eliminaron numerosas prazas de aparcamento sen ofrecer alternativas, o BNG organizou encontros abertos para recoller inquedanzas e propoñer solucións axeitadas. Entre as medidas presentadas destacou a proposta de construír un aparcadoiro en altura para responder á demanda crecente. Aínda que inicialmente foi rexeitada polo goberno do PP, este recoñeceu recentemente a súa validez, subliñando a pertinencia e viabilidade das propostas defendidas polo BNG.

No ámbito fiscal, o BNG apostou por medidas para aliviar a carga económica das familias, como o mantemento do tipo do IBI no 0,55% e a revisión de impostos como o de vehículos, co obxectivo de garantir unha recadación máis xusta e equitativa. Ademais, conseguiron a modificación da ordenanza municipal e no exercicio 2025 estarán exentos do pago da viñeta os vehículos que acrediten a súa consideración de históricos. Estas medidas buscan equilibrar as contas municipais sen prexudicar a quen máis o necesita.

Ademais, o BNG destacou polo seu traballo no Parlamento Galego, levando as demandas de Marín a través de emendas aos orzamentos da Xunta. Estas incluían melloras en materia de mobilidade (financiamento de estudos do subsolo da Avenida de Ourense e Praza de España así como de apertura dos novos viais previstos no PXOM) e transporte público municipal (dúas liñas que conecten os barrios e parroquias), o reforzo do saneamento (Coirados e Vista Alegre) e a creación de infraestruturas deportivas en Seixo, apostando por investimentos que respondan ás necesidades reais do municipio.

“Dende o BNG traballamos por e para a veciñanza, cunha visión clara e compartida de que Marín necesita solucións reais, participativas e adaptadas ás súas necesidades. Todas as nosas iniciativas parten dun modelo sostible e humano que pon á cidadanía no centro, porque cremos nun concello feito entre todas e todos, non á marxe da veciñanza nin dos seus intereses” afirmou o Grupo Municipal.

Este traballo foi posible grazas á boa sintonía dentro da equipa e coa veciñanza, reforzada coa recente renovación do Consello Local. Esta renovación incorporou máis persoas comprometidas co proxecto, logrando un equilibrio entre a experiencia de membros históricos e a enerxía das novas incorporacións. “A incorporación de novas voces, combinada coa experiencia de quen leva anos traballando polo municipio, permítenos afrontar os retos de Marín con maior forza e visión. Este equilibrio é clave para seguir conectando coas necesidades da veciñanza e consolidar o noso proxecto político” destacou a portavoz Lucía Santos.

O BNG pecha o ano reafirmando o seu compromiso coa veciñanza e coa construción dun futuro mellor para Marín. A formación nacionalista continuará traballando na mesma liña que ata agora, defendendo solucións reais e proxectos concretos que poñan ás persoas no centro das súas políticas.

O PP esgota Marín en 2024 mentres o BNG lidera a oposición con propostas reais