O BNG denuncia graves deficiencias nas obras das Pedreiras e esixe solucións inmediatas
Lucía Santos denuncia a mala xestión nas obras de Pedreiras e reclama ao goberno local do PP unha intervención inmediata para solucionar as deficiencias e garantir un espazo digno e seguro para a veciñanza.
O pasado xoves, 5 de decembro, na Comisión de Rural, a portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, trasladou a súa preocupación polo estado das obras en Pedreiras, financiadas co Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra e cun investimento de 237.700 euros. Segundo destacara o concelleiro do PP, Pablo Novas, este proxecto pretendía mellorar a calidade de vida da veciñanza mediante a renovación das redes de abastecemento e saneamento, o soterramento do alumeado público, a mellora do pavimento e a garantía de accesibilidade nunha zona con limitacións orográficas.
Porén, segundo o BNG, a realidade actual non reflicte os obxectivos anunciados inicialmente. A pesar das reiteradas queixas da veciñanza, que manifestou a súa preocupación polas deficiencias detectadas na execución das obras, o goberno local non respondeu de inmediato ás súas demandas. Foi despois dunha reunión mantida polo BNG coas persoas afectadas, na que se recolleron estas reclamacións e se trasladaron á Comisión de Rural, cando o goberno municipal tomou a decisión de actuar. A posterior reunión, celebrada o pasado 5 de decembro entre o concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas e a veciñanza, produciuse, segundo o BNG, de xeito tardío.
Lucía Santos lamentou que “estas obras, que deberían ser un exemplo de mellora significativa para Pedreiras, están a converterse nunha fonte de frustración debido á falta de planificación e a deficiencias graves como traballos sen rematar, pavimentos con irregularidades que provocan acumulacións de auga e acabados defectuosos que comprometen a seguridade e comodidade da veciñanza”.
A formación nacionalista critica que un proxecto anunciado como unha intervención integral para resolver os problemas estruturais do barrio se teña convertido nun exemplo máis de mala xestión. Esixen que o goberno local actúe con urxencia para garantir que o investimento realizado cumpra cos obxectivos previstos e mellore realmente as condicións de vida na zona.
Ademais, o BNG reclama maior transparencia e unha supervisión eficaz na execución de proxectos deste tipo para evitar que estas situacións se repitan no futuro. “Non podemos permitir que o goberno actúe só arrastrado polas nosas denuncias e as protestas veciñais. A veciñanza de Pedreiras merece solucións inmediatas e unha xestión responsable”, concluíu Santos.