O BNG esixe medidas urxentes para garantir a seguridade nas escadas de acceso ao cemiterio de A Raña
Lucía Santos declarou que non podemos permitir que unha infraestrutura creada para facilitar o acceso ao cemiterio se converta nun foco de perigo para a veciñanza
O pasado mércores, 4 de decembro, na Comisión de Turismo e Comercio, a portavoz do BNG, Lucía Santos, solicitou a intervención urxente nas escadas que conectan a rúa Ezequiel Massoni co cemiterio de A Raña. A infraestrutura, instalada en 2020 para mellorar o acceso ao camposanto, presenta problemas de seguridade debido ao material de madeira empregado e á súa ubicación sombría, que favorecen a acumulación de humidade, convertendo o firme nunha superficie esvaradiza.
O BNG puxo de manifesto o último incidente coñecido, que ocorreu recentemente, no que unha persoa sufriu unha caída que lle ocasionou unha ferida na fronte e requiriu sutura con catro puntos. Este accidente evidencia a necesidade de levar a cabo solucións urxentes para garantir a seguridade da infraestrutura.
Desde o BNG, Santos propón accións específicas para garantir a seguridade, tales como a aplicación de tratamentos antiderrapantes ou a substitución do material actual por outro máis axeitado. Ademais, mentres non se implementen solucións definitivas, solicita o precintado temporal das escadas ou a instalación de sinalización clara que advirta ás persoas usuarias do risco existente.
"Non podemos permitir que unha infraestrutura creada para facilitar o acceso ao cemiterio se converta nun foco de perigo constante para a veciñanza", declarou Lucía Santos. A portavoz reclamou un compromiso firme do goberno local para priorizar a seguridade e accesibilidade en todas as infraestruturas públicas.
O BNG espera que o goberno local actúe con dilixencia para previr novos accidentes e garantir a integridade das persoas usuarias destas escadas.