O BNG solicita declarar todos os areais como espazos libres de tabaco
Lucía Santos presenta unha “proposta encamiñada na liña da sensibilización social en canto a promover un estilo de vida saudábel e ao coidado do medio ambiente.”
“É un problema de contaminación medioambiental grave, xa que estes residuos conteñen até 400 substancias tóxicas e tardan uns dez anos en degradarse, supoñendo un problema para o mantemento do bo estado das praias e dos mares” afirma a Portavoz municipal do BNG.
Coincidindo co inicio do período estival, o goberno municipal de Marín vén de anunciar a declaración de “praias sen fumes” aos areais de Portocelo e O Santo. A Portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, recoñece que “desde o BNG de Marín vemos esta iniciativa con bos ollos, mais consideramos que esta actuación ten que ser máis ambiciosa.”
É por isto que o BNG trasladou na pasada Comisión de Medio Ambiente a proposta de declarar todos os areais do concello de Marín como espazos libres de tabaco, proposta encamiñada na liña da sensibilización social en canto a promover un estilo de vida saudábel e ao coidado do medio ambiente.
As praias son espazos moi concurridos nos meses de bo tempo por familias e mocidade, polo que é importante fomentar hábitos saudábeis. Lucía Santos lembra “que o tabaco non ten nin un só efecto beneficioso para a saúde e causou a morte de máis de 50.000 persoas no estado español en 2020, amais de provocar numerosas enfermidades e uns custes moi elevados para o sistema de saúde.”
Por outra banda esta medida pretende promover a concienciación da limpeza das praias e loitar contra a contaminación que provocan as cabichas nos areais e mares, o residuo tóxico que máis abunda nas praias e costas. “É un problema de contaminación medioambiental grave, xa que estes residuos conteñen até 400 substancias tóxicas e tardan uns dez anos en degradarse, supoñendo un problema para o mantemento do bo estado das praias e dos mares” afirma a Portavoz municipal do BNG.
Lucía Santos destaca que “estes tóxicos afectan á flora e a fauna, e poden pasar ao noso organismo a través da cadea de alimentación”.
A declaración de “praias sen fumes” é unha medida que vai medrando cada ano, sumándose máis espazos a este proxecto, que anima ás persoas a desfrutar da natureza sen tabaco, respectando o medio ambiente e favorecendo conductas saudábeis. “A promoción do respecto e coidado do medio ambiente e dun estilo de vida saudábel é esencial, especialmente en espazos naturais e de convivencia con máis persoas como son as praias” remata Lucía Santos.