O BNG solicita impulsar a práctica do sendeirismo
Lucía Santos afirma que "as propostas que solicitamos aumentarían o reclamo turítico no noso Concello, ao tempo que porían en valor o noso importante patrimonio natural, arqueolóxico, etnográfico e cultural.”
Lucía Santos Omil, Portavoz Municipal do BNG de Marín, ven de presentar unha moción, para ser tratada no Pleno Municipal, que ten por obxecto o impulso da práctica do sendeirismo no noso concello.
A Portavoz Municipal do BNG lembra que “dende a Concellaría de Medio Ambiente xestionada polo BNG durante o bipartito iniciouse o traballo no ámbito do sendeirismo e creáronse dúas rutas, a “Ruta das Praias” e a “Ruta do Monte Penizas”. E no mes de xuño do ano 2015 inaugurouse o “Roteiro do Espazo natural e arqueolóxico dos sete camiños”, posto en marcha polo movemento asociativo da zona.”
En 2016 o BNG presentou unha moción que recollía as propostas feitas pola A.C. Almuinha a comezos dese mesmo ano en relación coa potenciación do sendeirismo en Marín. Aquela moción saiu aprobada por unanimidade e Lucía Santos recoñece “que nestes 5 anos algo se fixo en relación a este tema, como foi a creación do “Roteiro dos 5 miradoiros” e da “Ruta dos montes e das praias”, e mellorouse a publicidade das rutas existentes.”
Mais Lucía Santos afirma que “quedaron cousas atrás, polo que hai moita marxe de mellora: non se remataron as rutas que estaban encamiñadas como son a “Ruta das Mámoas” e a “Ruta do río Lameira ou río Castiñeiras”; incomprensibelmente non se deu nunca a máis mínima publicidade ao “Roteiro do Espazo natural e arqueolóxico dos sete camiños”, inaugurado en 2015; e no ámbito da publicidade das rutas, Marín non figura con ningunha ruta na guía “Sendas para descubrir un País”, que periodicamente publica a Xunta de Galiza.”
A Portavoz Municipal do BNG insiste en que “o Concello de Marín dispón de elementos culturais e naturais de especial relevancia que deberan facer de Marín un punto turístico de parada obrigatoria nas Rías Baixas. En Marín contamos cun entorno natural realmente fermoso, entre o que podemos destacar as praias e o lago de Castiñeiras; e un gran patrimonio arqueolóxico e cultural, como os petróglifos de Mogor, o castro da Subidá, as mámoas de Castiñeiras, o menhir de Currás, dúas igrexas románicas do século XII en Santomé e Sta. María do Campo, muíños, lavadoiros, cruceiros... Estes son tan só algúns exemplos do que a nosa vila pode ofrecer como reclamo turístico.”
E prosegue dicindo “que na actualidade está en pleno auxe a práctica do sendeirismo, e Marín conta con recursos atractivos dabondo para atraer os e as amantes desta práctica. Lembrabamos en 2016 que, de levarse a cabo aquelas sinxelas actuacións, Marín contaría cun bo número de rutas de sendeirismo que levarían aos/ás camiñantes polos espazos naturais e elementos culturais de maior relevancia do noso concello.”
Por outra banda, Lucía Santos solicita “non esquecer a riqueza natural e patrimonial do río Loira, con decenas de muíños no seu percorrido. Actualmente existen numerosas rutas de sendeirismo en diferentes concellos que poñen en valor, amais do entorno natural, o patrimonio etnográfico, polo que consideramos importante unha actuación neste entorno.”
Noutra orde de cousas, a Portavoz do BNG lembra que “o pasado 21 de marzo a Xunta de Galiza publicou a nova edición da guía “Sendas para descubrir un País”, con 122 rutas homologadas pola Federación Galega de Montañismo para practicar sendeirismo en Galiza, sen que figure ningunha ruta de Marín. E desde o BNG consideramos que a aparición do noso Concello nesta guía poría a Marín no mapa do sendeirismo e faría que moita xente se achegase ao noso Concello.”
Lucía Santos remata afirmando que “desde o BNG consideramos que as propostas que solicitamos aumentarían o reclamo turítico no noso Concello, ao tempo que porían en valor o noso importante patrimonio natural, arqueolóxico, etnográfico e cultural:
- A homologación dalgunha ruta de sendeirismo no noso concello pola Federación Galega de Montañismo, para que Marín poida aparecer na vindeira edición da guía “Sendas para descubrir un País”.
- O inicio das actuacións precisas para rematar a “Ruta das Mámoas”, a “Ruta do río Lameira ou río Castiñeiras”, xa propostas hai 5 anos.
- A creación da “Ruta dos muíños do río Loira”.
- A publicidade do “Roteiro do Espazo natural e arqueolóxico dos sete camiños”, de gran interese.”