O BNG de Marín publica un novo boletín

IMG-7204

Coincidindo co ecuador da lexislatura municipal, o BNG de Marín ven de publicar un novo boletín, que será enviado por correo a todos os domicilios do noso concello esta mesma semana.

O BNG de Marín publica un novo boletín

Nesta nova publicación, a Portavoz Municipal do BNG de Marín, Lucía Santos, fai unha breve valoración destes anos de goberno do PP de María Ramallo lembrando que “Mentres os concellos da nosa contorna aumentan poboación, Marín perdeu nestes 10 anos 1.755 habitantes (-6´75%), presentando os peores datos demográficos de todos os concellos galegos de máis de 20.000 habitantes, só superado por Ferrol. Cando un concello non é quen, xa non de atraer senón de reter a súa propia poboación, é un síntoma máis que evidente de que ese concello está en decadencia.”

Lucía Santos afirma que “Marín precisa o mellor” mais “precisa rachar coa política de deixadez e a lei do mínimo esforzo e poñer en marcha un proxecto transformador que revirta a tendencia na que se atopa o noso concello. E no BNG témolo. No BNG temos exemplos dabondo de boas xestións que propiciaron transformacións que melloraron a calidade de vida da veciñanza e son recoñecidas en todo o mundo, como Pontevedra, Allariz, Poio, Bueu, Moaña, Barro, Tomiño, Rianxo, Carballo, Ribadeo…”

Na contracapa temos unha entrevista coa Portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón, que salienta que “A sociedade galega só consegue avances cando se fai valer” e lembra que “o BNG segue á alza, segue medrando e sumando apoios”. E remata afirmando que “Precisamos ter máis forza en Madrid para defender os intereses dos galegos e galegas. Estes últimos cinco anos foron moi clarificadores: nin con deputados e deputadas dependentes de forzas estatais nin con cambio de goberno en Madrid é suficiente. A chave para Galiza é ter forza e voz propia en Madrid, como teñen outros territorios. Necesitamos un BNG con grupo propio, con capacidade para condicionar e negociar.”

Amais, no boletín recóllense varias actuacións levadas a cabo polo BNG neste último ano, desde a publicación do anterior boletín en 2020, como son a defensa dunha Sanidade Pública de calidade, o posicionamento contrario do BNG á Zona Azul, a aposta pola promoción do patrimonio arqueolóxico, por unha maior atención ao rural e por actuacións dirixidas á mocidade.

Un punto importante do boletín é o apartado onde se recollen boa parte das propostas sociais que o BNG presentou para enfrontar a crise da COVID-19: medidas de reactivación económica e políticas sociais; seguridade nos centros de ensino; apoio ao comercio local, á hostalaría e aos salóns de peiteado; a creación dun servizo de canguraxe para facilitar a conciliación familiar e laboral; medidas de apoio ás persoas en corentena; a posta a disposición do Sergas do antigo hospital da Escola Naval…

O BNG de Marín publica un novo boletín