O BNG solicita e rebaixa do IVE aos produtos do mar
Lucía Santos afirma que “facilitará o acceso ao seu consumo a máis persoas, e especialmente ás que se achan nunha situación de maior vulnerabilidade, o que suporá un factor positivo para a saúde de toda a poboación e, ao mesmo tempo, ese aumento de vendas permitirá a recuperación dun sector fundamental para a economía da Galiza como é o pesqueiro.”
O BNG vén de presentar unha moción para ser tratada no vindeiro Pleno Municipal, que se celebrará este xoves 10 de xuño, na que solicita o apoio da corporación municipal para instar ao Goberno do Estado a aplicar a rebaixa do IVE aos produtos do mar ao chamado tipo superreducido do 4%, en lugar do 10% actual.
A Portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, afirma que “esta medida equipararía os produtos do mar co resto de alimentos de primeira necesidade: pan, leite e os seus derivados, froita, verduras, cereais ou legumes. De facto, institucións internacionais como a OMS ou a FAO consideran o peixe como un alimento básico e esencial nunha dieta sa e equilibrada e mesmo indican que o seu consumo é beneficioso para a saúde cardiovascular.”
Ademais, Lucía Santos solicita ao goberno local a posta en marcha dunha campaña para poñer en valor os produtos do mar como elemento fundamental para unha dieta sa e equilibrada, tanto entre o sector do mar como nas prazas de abastos de Marín e Seixo, prestando especial atención no fomento do consumo destes produtos na infancia e na mocidade.
A Portavoz do BNG lembra que “no contexto actual, coa caída do emprego e a redución da capacidade de gasto das familias vai producirse, con certeza, unha diminución da compra de peixe, pois non entrará no orzamento de moitas familias e, como consecuencia, incidirá negativamente na calidade da súa dieta.”
Lucía Santos prosegue “esta caída nas vendas tamén terá un efecto prexudicial para todo o sector pesqueiro galego, dificultando a recuperación económica. Cabe lembrar que as asociacións do sector da pesca e a acuicultura levan anos reclamando a baixada do Imposto aplicado nas vendas de peixe e marisco.” Incluso a importancia da pesca foi tal durante o estado de alarma que foi declarada unha actividade esencial.
A Portavoz municipal do BNG destaca que “na práctica totalidade dos países da Unión Europea o peixe e o marisco teñen xa un IVE máis baixo que o que se aplica actualmente no Estado español destacando, por exemplo, o IVE de 3% en Luxemburgo e 5,5% de IVE no caso francés.”
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego xa rexistrou iniciativas na cámara baixa para reclamar a modificación o Imposto sobre o Valor Engadido aos produtos pesqueiros e aplicarlles o tipo reducido de 4%. Lucía Santos insiste en que “vilas como Marín cun vínculo importante co sector pesqueiro na súa economía debemos pular porque se teña en consideración por parte do goberno do Estado unha cuestión que afecta tan directamente á nosa veciñanza, tanto á que se adica a pescar o produto, como a que o comercializa e sobre todo para as persoas consumidoras finais. Por iso debemos ser parte activa tanto na defensa deste aspecto tributario como na potenciación do consumo dos produtos do mar por cuestións de saúde.”
Os beneficios que ten a introdución de máis peixe na dieta sobre a saúde das persoas deberían ser suficientes para que se modifique o IVE e así fomentar un maior consumo entre a poboación, mais a situación económica en que se encontra tanto a Galiza como o Estado español na actualidade fai que a adopción desta medida sexa máis urxente ca nunca.
Santos remata afirmando que “a redución do IVE aplicado aos produtos pesqueiros facilitará o acceso ao seu consumo a máis persoas, e especialmente ás que se achan nunha situación de maior vulnerabilidade, o que suporá un factor positivo para a saúde de toda a poboación e, ao mesmo tempo, ese aumento de vendas permitirá a recuperación dun sector fundamental para a economía da Galiza como é o pesqueiro.”