O BNG denuncia a caótica situación de mobilidade nas praias
Lucía Santos afirma que “é imprescindible adoptar medidas para garantir o cumprimento das normas de aparcamento e mobilidade. Non podemos permitir que a falta de xestión do goberno local continúe afectando negativamente á vida diaria da veciñanza”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) manifesta a súa preocupación pola situación caótica que se vive nas praias de Marín en materia de aparcamento e mobilidade. A portavoz do grupo municipal, Lucía Santos, informou que a tarde do pasado luns, 24 de xuño, recibiron numerosas queixas denunciando que varios vehículos estaban a ocupar prazas reservadas para persoas con discapacidade, prazas de motos e mesmo invadindo o carril bici. Esta desorde tamén provocou problemas para a circulación do autobús, que tivo serias dificultades para pasar.
“Calquera sitio parece ser bo para aparcar durante a tempada estival” sinala Santos, advertindo que estes estacionamentos ilegais se producen en zonas de dominio público, evidenciando unha vez máis a despreocupación do goberno local polas necesidades de mobilidade da veciñanza e persoas visitantes da nosa localidade. A portavoz do BNG subliña que, mesmo estando fóra da tempada alta de turismo, xa se están a experimentar graves problemas de mobilidade e aparcamento. “Preguntámonos como se xestionará a situación cando a afluencia de visitantes aumente” engadiu.
Ante esta situación, o BNG insta ao goberno do PP a tomar medidas urxentes e efectivas para resolver un problema que se repite ano tras ano. Lucía Santos afirma que “é imprescindible adoptar as medidas necesarias para garantir o cumprimento das normas de aparcamento e mobilidade. Non podemos permitir que a falta de xestión do goberno local continúe afectando negativamente á vida diaria da veciñanza”.