O BNG reclama solucións urxentes ante a falta de aparcamento en Marín
Lucía Santos lamentou que o goberno do PP non tomase en serio a necesidade de buscar novas prazas de aparcamento. "Grazas á súa prepotencia e á continua ridiculización das nosas propostas, é a veciñanza a que padece a dificultade para acceder á vila, e o comercio local sofre as consecuencias"
Lucía Santos, voceira do Bloque Nacionalista Galego (BNG), manifestou a súa profunda preocupación polo recente recoñecemento do goberno do Partido Popular (PP) sobre o grave problema de falta de aparcamento en Marín, unha situación que levan anos negando. "Sería conmovedor que recoñeceran a realidade, se non fose porque levamos anos instándoos a traballar en solucións" declarou Santos.
Desde o BNG, sempre se defendeu a creación de espazos peonís como unha prioridade. "Non se pode actuar coa improvisación que caracterizou ao goberno do PP durante os últimos 13 anos" engadiu Santos. Para abordar o problema do aparcamento, en 2022, o BNG propuxo un estudo de viabilidade para a construción dun aparcadoiro na parcela situada na rúa Dichosa, en Tiro Naval Janer, o único espazo no centro da vila identificado no PXOM para uso dotacional. Ademais, no pasado mes de abril, o BNG suxeriu iniciar negociacións para utilizar unha parte do solar de Méndez Núñez para crear aparcadoiros temporais.
Lucía Santos lamentou que o goberno do PP non tomase en serio a necesidade de buscar novas prazas de aparcamento. "Grazas á súa prepotencia e á continua ridiculización das nosas propostas, é a veciñanza a que padece a dificultade para acceder á vila, e o comercio local sofre as consecuencias" denunciou Santos.
No último pleno municipal, o BNG destacou a necesidade de implementar solucións para calmar o tráfico, como a implantación dun sistema de transporte urbano que conecte as parroquias co centro da vila. Esta medida garda coherencia co Plan de Mobilidade Urbana Sostible de Marín (PMUS), aprobado en abril de 2022, que inclúe un total de 45 accións. No entanto, 26 meses despois, a práctica totalidade destas medidas seguen sen desenvolverse por parte do grupo de goberno. Isto exemplifica como os plans obrigatorios son utilizados politicamente para obter fondos europeos, pero raramente se trasladan á realidade. Santos instou ao goberno de María Ramallo a crear unha mesa de estudo para analizar en profundidade as liñas de traballo a desenvolver.
A voceira do BNG tamén expresou a súa preocupación ante a chegada da época estival, a concentración moteira desta fin de semana e as próximas festas do Carme. "Ten o goberno municipal alternativas para aparcar en Marín? Poderán aparcar quen se despraza a Marín para traballar? Poderá a veciñanza que non vive no centro acceder á vila?" preguntou Santos.
Por último, a concelleira do BNG exhortou a María Ramallo a dar solución ao problema que o seu equipo de goberno creou e cuestionou se este é o modelo de xestión que o PP quere para Marín.