O BNG denuncia o mal estado e a falta de mantemento do parque de Miñán
A situación é aínda máis preocupante ao considerar que a limpeza e o desbroce do parque están a ser asumidos pola veciñanza. Lucía Santos afirmou: “Sen a súa intervención, o estado do parque sería moito peor”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) expresa a súa preocupación polo estado actual do parque infantil na parroquia de Santo Tomé de Piñeiro, concretamente en Miñán. O abandono e a deterioración desta área de xogos son evidentes e supoñen un risco para a seguridade dos nenos e nenas que frecuentan este espazo.
Os valados do parque están rotos e en condicións deplorables, o que representa un perigo constante. Ademais, as estruturas de xogo, como o tobogán e as randeeiras, presentan signos evidentes de desgaste e falta de mantemento. Estas instalacións, que deberían ser seguras e atractivas, atópanse nun estado lamentable que desincentiva o uso por parte da veciñanza.
A situación é aínda máis preocupante se consideramos que a limpeza e o desbroce da contorna do parque son tarefas que están a ser asumidas polos veciños e veciñas da contorna. “Sen a súa intervención, o estado do parque sería moito peor” declarou Lucía Santos, portavoz do grupo municipal do BNG de Marín. “Non obstante, esta responsabilidade debería recaer no goberno local, que debe garantir un mantemento regular e adecuado deste espazo” engadiu.
O BNG solicita unha intervención para reparar e mellorar as estruturas de xogo, así como substituír e reparar os valados danados. Ademais, como afirma a súa portavoz, “é imprescindible establecer un programa regular de mantemento que inclúa a limpeza e o desbroce do parque, evitando que esta carga recaia na veciñanza”.
En definitiva, o BNG insta, unha vez máis, ao goberno municipal a que implemente medidas que atendan ás necesidades da veciñanza. É crucial que as autoridades locais recoñezan a importancia destas infraestruturas para a calidade de vida da comunidade e actúen con celeridade para corrixir estas deficiencias. A protección e o coidado dos espazos públicos deben ser unha prioridade para calquera goberno que se preocupe polo benestar da comunidade.