O BNG considera negativos para Marín os orzamentos 2022
Lucía Santos salienta que “a filosofía subxacente denota unha falta de xestión e un continuísmo que segue a inercia de anos anteriores”, sendo uns “orzamentos negativos para Marín, como xa se ven amosando con absoluta claridade ao longo destes 11 anos de goberno do PP, no que a nosa vila sofre un retroceso importante tanto na actividade económica como na grave perda de poboación.”
Santos afirma que os orzamentos reflicten a “falta de iniciativa política e dun proxecto global, serio e a longo prazo para impulsar o desenvolvemento social e económico de Marín. Limítase a cubrir as necesidades básicas, o cal resulta insuficiente.”
O proxecto de orzamentos para o exercicio 2022, alén da sua tardía tramitación, aínda contando o concelleiro de facenda con adicación exclusiva, e da vontade expresada na Memoria da Alcaldia de atender todas as necesidades sociais derivadas da dificil conxuntura económica actual, non é realista no tocante ao seu financiamento e denota unha falta de iniciativa política e de proxecto global para enfrontar con ilusión o futuro de Marín.
No apartado de “Ingresos”, tal e como reflite a interventora no seu informe 22.07.83, o goberno municipal non presenta informes técnicos que expliquen ou xustifiquen adecuadamente as previsión iniciais de ingresos tributarios para o exercicio 2022, baseando o nivel de ingresos previstos para 2022 nunha estimación lineal con leves correccións a respecto dos dereitos recoñecidos [no caso dos impostos directos e taxas e prezos públicos] ou da recadación neta [no caso dos impostos indirectos] de anteriores exercicios, e que desconsidera a grave situación inflacionaria e a corrección das previsións económicas e de crecemento a nivel global por parte dos mais importantes organismos estatais e internacionais, derivado do alto grao de incertidume.
En canto ao apartado de “Gastos”:
- Gastos de persoal: o incremento previsto do 3,19%, alén de non compensar os niveis inflacionarios que estamos a sofrer, consisten apenas no aumento do concepto retributivo de antigüidade dacordo co estabelecido nos orzamentos do estado para 2022.
- Transferencias correntes: obsérvase neste capítulo 4 unha baixa do 4,15% a respecto de 2021, tendo en conta que estamos en plena crise inflacionaria [e que a memoria da alcaldía minora interesadamente, porque só compara o peso que supón no total do orzamento a respecto de 2021, sen comparar a caída do mesmo capítulo de 2021 a 2022].
Notar que neste capítulo e como reflicte a liquidación do orzamento de 2020 segundo informe do observatorio de “Rendición de Contas”, deixou sen executar o 42% do crédito definitivo, cando hai necesidades sociais, culturais ou deportivas de Marin que necesitarían un maior grao de apoio económico. Por exemplo, a área de gasto de Protección e Promoción Social só tivo un nivel de execución en 2020 do 68,2%.
- Investimentos reais: Non existe novo investimento real a cargo de novos recursos municipais ou de novo endebedamento (sempre até os limites autorizados), facendo descansar o esforzo investidor só no remanente de tesourería para gastos xerais sen executar de anos anteriores e nas transferencias de capital doutras administracións, ao igual que aconteceu nos orzamentos do pasado exercicio 2021.
Porén, e segundo o informe de intervención, o nivel de endebedamento correspondente á liquidación dos orzamentos de 2021 sitúase no 30,62% dos ingresos ordinarios, tendo aínda moita marxe para aumentar o seu endebedamento até o 75%.
Marin ten necesidades non cubertas que poderían ser atendidas por un maior nivel de investimento.
CONCLUSIÓNS
Non é un proxecto de orzamentos real, como se define nas conclusións da memoria da alcaldía, pois non xustifica adecuadamente as previsións de ingresos. Porén, si é previsíbel, como tamén indica a memoria, e desde a nosa ollada, con plena connotación negativa: previsíbel por continuísta.
A filosofía subxacente a este proxecto de orzamentos, portanto, denota unha falta de xestión e un continuísmo que segue a inercia de anos anteriores.
Falta de iniciativa política e dun proxecto global, serio e a longo prazo para impulsar o desenvolvemento social e económico de Marín. Limítase a cubrir as necesidades básicas, o cal resulta insuficiente.
Austeridade, que fai prevalecer a contención da débeda moi por debaixo dos niveis autorizados ante a necesidade social do pobo de Marín. Carente de esforzo propio por novos investimentos. Contención do gasto en personal desatendendo as necesidades derivadas da inflación.
Non se adapta á actual situación socioeconómica. Resulta curioso que a memoria da alcaldía faga alusión á situación de crise económica que estamos padecendo pero non se reflexen variacións para axudar a paliar a crise.
Non se incrementa a partida destinada a benestar social nin a destinada ao comercio local, e cómpre lembrar que no pasado mes de xullo aprobouse unha moción do BNG de apoio ao comercio, por unanimidade, na que un dos puntos recollía aumentar esta partida orzamentaria.
En definitiva, son uns orzamentos negativos para Marín, como xa se ven amosando con absoluta claridade ao longo destes 11 anos de goberno do PP, no que a nosa vila sofre un retroceso importante tanto na actividade económica como na grave perda de poboación, que nos sitúa como o terceiro concello de máis de 20.000 habitantes cos peores datos demográficos, só por detrás de Ferrol e A Estrada.
O goberno do PP volta manifestar a absoluta falta de proxecto para o noso concello, amosando incapacidade para levar a cabo unha política activa que promova a dinamización socioeconómica de Marín, creando oportunidades de traballo e dotando ao noso concello dos necesarios servizos e infraestruturas.