O BNG aposta por abrir Marín ao mar

327117493_2071205279752640_9033111332387358873_n
Lucía Santos, portavoz do BNG de Marín

A portavoz do BNG Lucía Santos manifesta novamente que “o BNG está en contra do proxecto do PP de eliminar o cemiterio de barcos do vello peirao.”

Mais Santos considera que cómpre ir máis alá desta reivindicación e afirma que “Marín, pobo mariñeiro, non pode continuar de costas ao mar, polo que cómpre ser máis ambiciosos e reivindicar a recuperación de máis espazos da nosa fachada costeira.”

O BNG aposta por abrir Marín ao mar

O pasado venres 17 de marzo tivo lugar a asamblea constituínte da Plataforma pola defensa do Patrimonio Histórico Marítimo, convocada polo Museo do Mar, Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica, Grupo Cultural Ronsel, Ateneo Santa Cecilia e Asociación pola Defensa da Ría.

A Plataforma xorde para tentar frear a proposta do goberno municipal do PP de eliminar o cemiterio de barcos do vello peirao para facer, no seu lugar, unha piscina de auga salgada no inicio do Paseo Alcalde Blanco.

Nesta asemblea, o BNG amosou o seu apoio á plataforma xa que comparte plenamente a reivindicación de conservar o cemiterio de barcos. Tal e como manifestou o pasado mes de xaneiro a súa portavoz municipal, Lucía Santos, “o goberno municipal debería apostar por protexer e conservar este espazo, que forma parte da memoria do noso pobo e o último que Marín precisa é seguir destruíndo o patrimonio que aínda conservamos.”

Amais, a portavoz do BNG de Marín propoñía unha ubicación alternativa para a piscina, polo que podía levarse adiante este proxecto ao tempo que se conserva o cemiterio de barcos.

Mais Lucía Santos considera que cómpre ir máis alá desta reivindicación e afirma que “Marín, pobo mariñeiro, non pode continuar de costas ao mar, polo que cómpre ser máis ambiciosos e reivindicar a recuperación de máis espazos da nosa fachada costeira.”

A práctica totalidade do casco urbano de Marín, dende o límite co Concello de Pontevedra no Cantodarea até a finalización dos terreos ocupados pola Escola Naval Militar no vial de praias, e que suman un total de 2,30 quilómetros, está pechado ao mar, con apenas dous pequenos accesos no Parque Azul e no Paseo Alcalde Blanco.

A voceira do BNG de Marín manifesta que “é tempo de que o pobo de Marín recupere o dereito a gozar de espazos públicos na nosa fachada costeira.” O Porto de Marín e a Escola Naval Militar ocupan un espazo de aproximadamente 105 hectáreas, e o BNG considera que Marín precisa recuperar terreos, tal e como xa fixeron en cidades como Ferrol, Vigo ou Vilagarcía de Arousa.

Lucía Santos expón que “o pobo de Marín foi moi xeneroso e no BNG consideramos que é o momento de ampliar notoriamente a liña de colaboración actual cos Ministerios de Defensa e Fomento, polo que apostamos por, mediante a negociación con estes Ministerios, gañar espazos para a veciñanza e así abrir Marín ao mar, que é unha demanda unánime do pobo de Marín.”

O BNG aposta por abrir Marín ao mar