O BNG pide maior seriedade ao PP en materia de vivenda
Lucía Santos expón que “a pasividade manifesta do PP nestes doce anos de goberno está lastrando o desenvolvemento de Marín. A construción de novas vivendas está paralizada dende hai unha década e a última construción de vivenda pública tivo lugar hai máis de vinte anos.”
Lucía Santos asegura que “o traballo que non realizou o PP en doce anos de goberno non se pode solucionar nunha xornada de cara á galería de 90 minutos a dous meses das eleccións municipais.”
O goberno municipal de Marín convoca, o vindeiro venres día 24, unha mesa de traballo sobre urbanismo e vivenda para debater a situación do concello e analizar as liñas de desenrolo urbanístico.
O horario do evento é de 9h a 10:30h, en horario laboral, polo que a portavoz do BNG, Lucía Santos, solicitou á alcaldesa, María Ramallo, poder gravar a xornada de traballo para que a veciñanza teña acceso á mesma desde as súas casas e asimesmo retransmitila en streaming dende a páxina web do concello dado o interese do tema a tratar.
Lucía Santos manifesta “o agradecemento a todas as persoas que van participar nesta xornada de traballo e o recoñecemento ao seu traballo.”
Mais a portavoz municipal sinala que “o goberno municipal do PP amosa moi pouca seriedade ao tratar un tema de vital importancia e tan necesario para o desenvolvemento do noso concello nunha xornada de apenas 90 minutos”, na que se pretende analizar o Marín presente, o Marín do futuro, a transformación urbana, a rehabilitación do casco histórico e a recuperación do patrimonio.
Santos afirma que “nestes doce anos de goberno da Sra. María Ramallo o PP manifestou unha inacción total en materia urbanística”, tras a aprobación do PXOM en 2012, que aínda continúa pendente de desenrolo pola falta de plans específicos que resultan obrigatorios para a súa aplicación.
Lucía Santos indica que “o goberno do PP incumpriu un acordo plenario do 2018 no que o BNG solicitou a elaboración do Plan de protección dos cascos antigos de Marín.” A inexistencia deste plan está tendo consecuencias moi negativas no noso concello debido á demora nas autorizacións para realizar calquera tipo de actuación nas edificacións da contorna do casco vello, xa que estas dependen da Dirección Xeral de Patrimonio.
Por outra banda, a voceira do BNG manifesta que “outra das tarefas pendentes do goberno de María Ramallo é a elaboración do Catálogo de Hórreos do concello de Marín, solicitado polo BNG, o que faciliaría a construción de nova vivenda nos núcleos do rural, xa que as licencias serían xestionadas dende o propio concello e non dende a Dirección Xeral de Patrimonio.”
Lucía Santos expón que “a pasividade manifesta do PP nestes doce anos de goberno está lastrando o desenvolvemento de Marín”, levando ao noso concello a encabezar os concellos galegos de máis de 20.000 habitantes en perda de poboación. “A construción de novas vivendas está paralizada dende hai unha década, tal e como sinalan os datos do Instituto Galego de Estadística, e a última construción de vivenda pública tivo lugar hai máis de vinte anos.”
Lucía Santos asegura que “o traballo que non realizou o PP en doce anos de goberno non se pode solucionar nunha xornada de cara á galería de 90 minutos a dous meses das eleccións municipais.”