O BNG aposta por unha política activa en materia de vivenda
Lucía Santos destaca que a mesa de traballo do venres “puxo de manifesto a parálise do goberno de María Ramallo durante estes doce anos de mandato do PP”
Santos destaca “a urxente necesidade de implementar medidas destinadas a dinamizar o sector da vivenda, ademais de facilitar a instalación de novas empresas para posibilitar a creación de emprego.”
A portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, acompañada de José Souto, membro da candidatura do BNG nas vindeiras eleccións municipais, asistiu este pasado venres á mesa de traballo sobre urbanismo e vivenda organizada polo Concello de Marín.
Unha xornada, na que asistiron profesionais do sector da construción, a promoción inmobiliaria, a administración de fincas, a xestión urbana ou a disciplina arquitectónica, que Lucía Santos califica como “moi interesante, xa que puidemos escoitar, da man das persoas intervinientes, unha análise da situación na que se atopa o noso concello nesta materia.”
Mais a portavoz do BNG destaca que “o acto puxo de manifesto a parálise do goberno de María Ramallo durante estes doce anos de mandato do PP”, no que non se puxeron en marcha as ferramentas necesarias para poder desenrolar o PXOM aprobado hai xa 11 anos.
Santos lembra que “durante o goberno popular non se construiu vivenda nova e non se elaborou o Plan de protección dos cascos antigos de Marín”, cuxa ausencia dificulta a rehabilitación de vivendas nos cascos vellos do centro de Marín e en Cantodarea. Amais, a falta deste plan impide poder concorrer a subvencións do Instituto Galego de Vivenda e Solo destinadas á recuperación de edificacións en núcleos históricos.
Por outra banda, Lucía Santos lamenta que “para o goberno municipal resulta suficiente a actividade empresarial que ofrece o porto e non amosa o máis mínimo interese en traballar na dotación de espazos para o asentamento de novas empresas.” Santos indica que “contra o conformismo do PP, resulta de vital importancia poñer en marcha iniciativas que impulsen a dinamización económica, a creación de empresas e, por conseguinte de postos de traballo.”
A falta de iniciativa política e dun proxecto de futuro para impulsar o desenvolvemento social e económico de Marín do PP ten como resultado o dramático retroceso demográfico que padece a nosa vila desde 2011. “As dificultades existentes para atopar vivenda ou a caída da actividade empresarial no noso concello, consecuencia da parálise dun goberno sen ideas, son factores que axudan a entender a grave perda de poboación de Marín”, en palabras da portavoz do BNG.
Por todo isto, Lucía Santos destaca “a urxente necesidade de reverter esta situación, implementando medidas destinadas a dinamizar o sector da vivenda, facilitando a construción de nova vivenda, incluída a promoción de vivenda pública, e a rehabilitación nos cascos vellos. Ademais de facilitar a instalación de novas empresas para posibilitar a creación de emprego.”