MOCIÓN SOBRE A SITUACIÓN LABORAL DAS MULLERES E MEDIDAS PARA COMBATER O DESEMPREGO FEMININO NO NOSO

MOCIÓN SOBRE A SITUACIÓN LABORAL DAS MULLERES E MEDIDAS PARA COMBATER O DESEMPREGO FEMININO NO NOSO

8 marzoMOCIÓN SOBRE A SITUACIÓN LABORAL DAS MULLERES E MEDIDAS PARA COMBATER O DESEMPREGO FEMININO NO NOSO CONCELLO

 

O Grupo Muncipal do BNG presenta a seguinte moción relativa á situación laboral das mulleres e medidas para combater o desemprego feminino no noso concello  para o seu tratamento pola Corporación Municipal,

 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A crise económica que, desde o ano 2007, afecta a Galiza, xunto coas políticas practicadas  ao abeiro desta, están a levar a unha deterioración do mercado de traballo, sen precedentes na nosa historia recente.

En termos xerais podemos falar de tres consecuencias principais: a destrución de emprego, a modificación das condicións laborais de traballadores e traballadoras, e a emigración. Se ben a destrución de emprego afectou nun principio en maior grado aos sectores da construción e ao sector industrial, e polo tanto elevou máis a taxa de paro masculina, en canto á perda de dereitos laborais e á emigración o sexo non foi un condicionante (desde o ano 2008 ao 2014 reduciuse o número de mulleres de entre 16 a 35 anos en 71.783), miles de mulleres abandonaron Galiza á procura dunha mellor situación laboral.

Neste último ano (2014), afondouse en todo o anterior, cun agravante: o descenso de  desemprego vai ligado á destrución de emprego. Algo que a priori pode parecer contraditorio, mais que non o é cando isto vén acompañado dun descenso da poboación activa, o que si ocorreu no ano 2014.

Durante 2014, descendeu a poboación con máis de 16 anos en Galiza en 13.700 persoas, das cales 6.800 foron mulleres. Unhas 6.800 en total, pero se desagregamos por grupos de idade, onde se perde poboación é entre as máis novas, desde os 16 e os 39 anos; entre estas idades o descenso foi de 13.600 mulleres.

A taxa de paro feminino en Galicia, que se duplicou no últimos cinco anos até alcanzar o 20%, sería xa do 25%  se as máis de 37.000 galegas novas non emigrasen desde o comezo da crise económica en 2008, tal como denuncia CIG no seu informe A muller non mercado laboral en Galiza.

A estes datos hai que engadir  o problema de avellentamento e descenso da poboación, que xa ven de vello. Como resultado a fotografía non pode ser máis alarmarte.

A modificación á baixa das condicións laborais da clase traballadora, como por exemplo o cambio de horarios, o tipo de xornada ou a redución de salarios, incrementaron as desigualadades entre a clase traballadora  coma nunca na nosa historia recente.

A masa salarial reduciuse pola perda de emprego, se xa partíamos dunha diferenza salarial importante, cando as  empresas ou administracións, aplican un recorte no salario, non fan distinción de sexo, senón que se aplica a todos por igual. Porén, non é o mesmo un recorte a un traballador/a que cobra 1.000 euros que ao que cobra 500.

Por outro lado, as xornadas a tempo parcial teñen un claro matiz feminino, o 75% dos traballos a xornada parcial durante o 2014 foron desempeñados por mulleres.

Así mesmo, hai que engadir o abundante número de mulleres asalariadas con contrato temporal, en torno ao 23,7%.

En resumo, á xa precaria situación salarial das mulleres sumáronse os efectos da crise, dando como resultado un incremento do empobrecemento das traballadoras. E así se reflicte nos datos que a Axencia Tributaria publica anualmente extraídos do Impostos sobre a Renda das Persoas Físicas.

Hoxe a maioría  das mulleres cobra menos polo mesmo traballo, e xa non menos, senón que os seus ingresos en moitos casos son “irrisorios”:  o 20,7% das traballadoras durante o exercicio 2013 percibiu menos de 1.861 euros brutos anuais, ou o que é o mesmo, 133 euros mensuais.

A fenda salarial con respecto aos homes persiste e medrou nesta época de crise, a media os ingresos das mulleres, segundo a Axencia Tributaria, no ano 2013 foi  o 74,5% do dos homes, cando no ano 2009 eran o 76,9%, 2,4 puntos porcentuais menos. E aínda así para a maioría desas mulleres o salario medio é unha utopía: preto de 100.000 mulleres que non chegan aos 2.000 euros ao ano.

Neste momento o Estado considera que unha persoa, neste caso unha muller, está ocupada laboralmente cando os seus ingresos non chegan aos 140 euros mensuais, cando deberían ser consideradas paradas.Se isto fose así, estaríamos a falar de 224.000 mulleres desocupadas en Galiza, e dunha taxa de paro do 37%.

Como podemos deducir de todos estes datos o elevado número de mulleres desempregadas ou infraempregadas, xuntamente coa emigración(no último ano contabilizáronse en Galiza 6.800 mulleres menos que no ano 2013, mais a perda de poboación feminina deuse entre as máis novas), son dous dos problemas de índole sociolaboral máis graves que temos en Galiza a pesar de que o goberno da Xunta non os ten identificados como tales. Precisamente para xeneralizar este foi para o que se implantaron as últimas reformas laborais.

É  de xustiza que o teu traballo che dea para vivir. E non debemos esquecer que na maioría das familias monoparentais, a cabeza de familia é unha muller.

Dende o Grupo Municipal do BNG queremos tomar parte e formular unha serie de medidas que permitan sumar os esforzos de todos os grupos municipais e que centremos os nosos esforzos en traballar xuntos en combater o desemprego, como xa fixemos anteriormente a través da propoposta dun Plan de Emprego Municipal. Neste caso as medidas que propoñemos van dirixidas a mudar a particular situación das mulleres dentro do mercado laboral en base aos datos e situación descritas anteriormente e que refliten tamén a situación no noso concello.

 

Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte

ACORDO

 

  1. Instar ao goberno local á  convocatoria urxente da Comisión de Seguimento do Plan de Emprego Municipal. (Esta comisión debe convocarse cada dous meses por parte do delegado de Facenda, tal e como se acordou na sesión plenaria do 14 de febreiro de 2014).
  2. Instar ao goberno local á elaboración dun plan orientado á

 

  • Informar, orientar e asesorar en materia de emprego, a aquelas mulleres que desexen acceder ao mercado laboral de cara a facilitar a súa inserción laboral.
  • Proporcionarlles ás mulleres información permanente sobre a situación do mercado laboral na comarca e das ofertas existentes.
  • Orientar ás mulleres individualmente no proceso de busca de emprego.
  • Asesorar as mulleres en materia de dereito das traballadoras (contratos de traballo, vacacións, permisos de maternidade e paternidade…)
  • Proporcionar ás mulleres que queiran iniciar una actividade empresarial, orientación, información e asesoramento para o desenvolvemento e a consolidación da súa empresa.
  • Divulgar as axudas, bonificacións, subvención e créditos existentes para a creación dunha empresa e proporcionarlle o asesoramento técnico para acadalas.
  • Achegar as actividades formativas ás mulleres das parroquias ou facilitarlles o desprazamento  ao centro de formación.

  1. Este plan deberá ser analizado e aprobado  pola  Comisión do Plan de Emprego Municipal e polo Consello Municipal da Muller.

 

  1. Instar ao goberno da Xunta de Galiza a cumprir, nun prazo máximo de dous meses, coa promesa de aprobar un Plan de Emprego Feminino, co orzamento necesario para se desenvolver ao longo dos próximos catro anos. Este plan terá por obxectivo estabelecer medidas destinadas a incrementar a taxa de emprego feminino, promover a contratación de          mulleres nos sectores en que está subrepresentada, reducir o alto grao de precariedade das traballadoras na Galiza, atallar as problemáticas específicas das mulleres nos ámbitos      produtivos -labregas, mariscadoras, redeiras,..- atendendo especificamente a problemática das mozas galegas para accederen ao emprego.

 

 

Marín,  marzo de 2015

 

 

A portavoz municipal,

 

Pilar Blanco

Fontes: Secretaría d Muller da CIG, Xunta de Galicia.

MOCIÓN SOBRE A SITUACIÓN LABORAL DAS MULLERES E MEDIDAS PARA COMBATER O DESEMPREGO FEMININO NO NOSO