MOCIÓN RELATIVA Á MELLORA DA SEGURIDADE VIARIA NO TERMO MUNICIPAL DE MARÍN
O Grupo Municipal do BNG, presenta a seguinte moción relativa á mellora da seguridade viaria no termo municipal de Marín, para o seu tratamento polo Pleno da Corporación Municipal,
Exposición de motivos
Os Concellos teñen un especial protagonismo na política de seguridade viaria xa que, máis do 54% dos accidentes con vítimas, e o 22% dos falecidos, prodúcense nas zonas urbanas.
É nas cidades onde se onde teñen lugar a maioría dos atropelos, accidentes nos cruzamentos, a indisciplina nos semáforos ou os problemas de aparcadoiro.
Nos últimos anos no concello de Marín estase a producir un deterioro da seguridade viaria, cun aumento importante de sinistros de todo tipo e con vítimas. No ano 2013 na zona urbana producíronse 190 sinistros e no que levamos de ano 2014 máis de 138. Sen ir máis lonxe, no último mes tiveron lugar tres atropelos.
A deterioración da sinalización horizontal e vertical sobre todo nos cruzamentos, a falta de reposición dos pasos de peóns, a velocidade excesiva, sumado á falta de vixilancia fai as nosas rúas vulnerables para as persoas que todos os días transitan pola cidade.
O plan estratéxico de seguridade viaria insta aos concellos a reducir o número de atropelos nas zonas urbanas e rematar cos falecementos nos accidentes de turismo no ámbito urbano.
Solicítase dos concellos que se responsabilicen de promover actuacións como:
- Mellorar a seguridade nos desprazamentos a pé.
- Calmar o tráfico mediante zonas 30.
- Estender o uso do cinto de seguridade na cidade.
- Promover a disciplina nos semáforos.
A lei de bases de réxime local establece que son os concellos os que teñen as competencias en infraestrutura viaria, policía local, tráfico, estacionamento e mobilidade. De acordo con elas, a administración local é a responsable da conservación e correcto mantemento das vías públicas (pavimento, pintura) o bo estado e localización acertada da sinalización vertical e semafórica, o deseño das rotondas, cruces, a instalación e funcionamento dos semáforos, limitadores de velocidade, pasos elevados, a presenza da Policía Local en lugares nos que se poidan xerar especiais situacións de risco, e a aplicación de medidas técnicas e medios persoais destinados a mellorar a vixilancia e control das normas de tráfico contidas na Lei de Seguridade Viaria e o Código de Circulación.
En consecuencia co anteriormente exposto, solicitamos do Pleno da corporación a adopción dos seguintes acordos:
- Reposición da sinalización horizontal, en particular nos cruzamentos, de todo o termo municipal.
- Repintado dos pasos de peóns da zona urbana.
- Instalación de limitadores de velocidade nas principais rúas de Marín.
- Instalación de pasos elevados nas entradas dos colexios do centro urbano.
- Confección dun estudo de seguridade viaria do Concello de Marín, co obxectivo de rebaixar a sinestralidade viaria e a creación de zonas 30.
- Solicitar das outras administracións (Ministerio de Fomento, Xunta e Deputación) medidas de seguridade viaria nas estradas da súa competencia que discorren polo noso Concello.
A portavoz do BNG,
Pilar Blanco López
Marín, 22 de setembro de 2014