Os vertidos de augas fecais sucédense por falta de mantemento da rede
A última vertedura tivo lugar na praia de Loira na tarde do luns
Un novo vertido de augas fecais, desta volta no bombeo de Loira, provocou a contaminación do río e da praia na que desemboca, na tarde do luns.
As alarmas non funcionaron
Foron os propios veciños os que alertaron á Policía Local de que un abundante vertido procendente da rede de augas fecais estaba chegando á praia de Loira, informa a portavoz do BNG, Pilar Blanco. Que foran os propios veciños os que tiveran que dar a alerta implica que o sistema de alarmas dos bombeos que deben recibir os técnicos municipais tampouco funcionan, engade.
Este novo vertido evidencia unha falta de mantemento axeitado da rede municipal de saneamento e sobre todo dos bombeos, imprescindible para evitar que este tipo de contaminación que chega ao mar en poucos minutos e en horas de máxima afluencia, advirte.
As estacións de bombeo no abandono
Proba desta falta de atención e mantemento é o aspecto que presentan as dúas estacións de bombeo principais que recollen as augas fecais das parroquias do rural, o bombeo de Mogor e o de Loira.
A balsa da antiga depuradora de Mogor acondicionouse como pozo de retención en caso de fallo do bombeo. Estas obras leváronse a cabo no ano 2009 durante a xestión de goberno do BNG, pero hoxe a estación presenta un aspecto deplorable no que as silvas invaden a balsa que presenta signos evidentes de abandono, afirma a concelleira nacionalista.
O goberno actual do PP paralizou todo tipo de actuacións para evitar os vertidos ao mar: A estas alturas a balsa da antiga depuradora de Loira xa debería estar adaptada como rebosadoiro do bombeo para evitar verquidos ao mar en caso de fallo do bombeo, explica Pilar Blanco.
O goberno actual do PP paralizou todo tipo de actuacións para evitar os vertidos ao mar
O PP está incumprindo ademais o código que exixe o certificado medioambiental EMAS tamén acadado durante o goberno anterior, e por suposto, os vertidos directos á agua do río e do mar impedirán que Loira poida recuperar a bandeira azul, algo ao que o goberno do PP xa pareceu renunciar dende un inicio, finaliza a portavoz do BNG.
Marín, agosto de 2014